'Contaxio', o relato solidario de Ledicia Costas, Fran Alonso e María Solar
Esta sexta feira presentouse en Compostela o conto Contaxio, un traballo cooperativo que vencella as bibliotecas municipais e os centros de protección e educativos da Galiza, da man dos escritores Fran Alonso, Ledicia Costas e María Solar, da actriz Lucía Regueiro e de Unicef Comité Galiza.
Ilustrado por Leandro Lamas e Lucía R. Regueiro, Contaxio é un relato que xorde do “desexo de promover o dereito á educación e á cultura” das crianzas galegas en tempos de Covid-19. Un conto de carácter didáctico “traballado e tecido a través das emocións coa finalidade de promover a aprendizaxe da cativada”, indican desde a organización humanitaria.
“Cando escribimos Contaxio os nenos estaban fechados sen poder saír, non había colexio, perderan as rutinas e os adultos das súas familias tiñan preocupacións non só sanitarias, tamén pola economía. Saímos do confinamento, pero seguimos en risco e con necesidade de explicar que disto só se sae xuntos. Diso vai Contaxio”, explica María Solar, unha das autoras.
Na presentación de Contaxio tomaron parte o director xeral de Familia da Xunta de Galiza, Jacobo Rey, e a presidente de Unicef Comité Galiza, Myriam Garabito. Esta última explicou que a través do relato se promove "a adquisición de actitudes como o interese por apoiar e axudar e a preocupación polos sentimentos dos demais. En definitiva, Contaxio impulsa o desenvolvemento de actitudes e valores que constrúen democracia e cidadanía”, sinalou
“Parabéns a Lucía Regueiro como impulsora e promotora da iniciativa, aos escritores e a todo o equipo", recoñeceu o Jacobo Rey. "Ten moito valor polo momento no que xurdiu, pola súa función educativa e porque é un conto para o recordo”, engadiu.
O precedente audiovisual
A primeira versión de Contaxio viu a luz en formato audiovisual en xuño do ano 2020. “Durante aqueles meses da primavera de 2020 eu tiña claro que, como amiga de Unicef Comité Galiza, precisaba achegar algo e xurdiu a idea de crear un conto para regalarllo a todos os nenos e nenas de Galiza, que nese momento levaban xa varias semanas de illamento, lonxe das escolas e dos amigos”, traslada a actriz Lucía Regueiro.
Actores e actrices de renome sumáronse á iniciativa e así participaron, ademais da impulsora Lucía Regueiro, Xúlio Abonjo, Miguel Canalejo, Monti Castiñeiras, Isabel Naveira, Federico Pérez, Beatriz Serén e María Vázquez.