O Consello da Cultura Galega destaca a "estabilidade" do sector
As cifras de emprego mantéñense estábeis na Galiza no último ano no sector cultural, mentres que a creación de empresas experimenta unha notábel mellora. Así o reflicte a novena Conxuntura estatística do ámbito cultural, un documento de traballo que publicou esta segunda feira o Observatorio da Cultura Galega, organismo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Segundo este estudo, o emprego no sector cultural na Galiza sitúase hoxe por baixo da media do Estado español, concretamente seis décimas menos, identificando unha baixada de acordo cos últimos datos dispoñíbeis, relativos ao segundo trimestre de 2025. Con todo, Galiza ten até 34.200 persoas empregadas no sector cultural.
Con respecto aos datos da Seguridade Social do ámbito cultural no país, o documento estabelece que o perfil é marcadamente estacional e cunha forte dependencia do réxime de autónomos. Durante o mes de setembro na Galiza contabilizase 21.684 afiliados. Analizando os datos por actividade, a conxuntura do Observatorio destacou que os servizos de arquitectura e fotografía son as que continúan en tendencia, con incrementos regulares. Porén, as actividades de tradución e interpretación permanecen invariábeis, mais baixa lixeiramente o deseño especializado.
No que respecta ao gasto en cultura das familias, o informe precisa que o gasto dos fogares galegos en produtos e servizos culturais fica na contorna dos 135 euros. O documento destaca o crecemento dos servizos audiovisuais, como as entradas para espectáculos culturais ou as subscricións a plataformas de contido audiovisual, seguidos dos libros, cuxa compra baixou en 2025. A adquisición de prensa contén o descenso progresivo que viña experimentando e aumenta a respecto do exercicio anterior. A Conxuntura tamén sinala que a confianza da poboación galega segue a ser moi positiva, posto que 70% dos fogares asegura poder ir ao cinema ou ao teatro nos próximos meses.
