A conquista de Pontevedra, Albino Prada e a castaña na innovación gastronómica, protagonistas do 'Sermos Galiza'
Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do Sermos Galiza. Este 7 de decembro o semanario achéganos un adianto editorial de Crónica da Galiza. A Guerra dos cen anos no occidente peninsular segundo Jean Froissart traducido por Henrique Harguindey.
Concretamente, segundo explica Héitor Picallo, un dos relatos máis interesantes deste volume trata sobre a conquista de Pontevedra. Nel figuran non só contendas bélicas, acordos políticos e a suspensión das hostilidades por medio dun armisticio, senón tamén alusións ao idioma galego, ao bo viño, ao pan e ás aves de curral.
Publicada por Companha Editora nun cómodo formato e a toda cor, nesta crónica advertirá a persoa lectora diversos pormenores dun relato histórico bastante descoñecido para o noso país, o de Xoán de Gante e a súa dona Constanza de Castela, matrimonio que buscou acadar o trono galego. Pero tamén constará a importancia dos viños do reino e o protagonismo imperante do noso idioma internacional, falado outrosí no país luso, e que coñecía tanto a citada infanta como varios intérpretes do seu séquito, entre eles un heraldo chamado Coímbra, "pertencente á casa do rei", e un inglés que "entendía ben a lingua galega".
Poderase adquirir polo prezo de 9 euros ao incluír un desconto especial de 40% –sobre un PVP de 15 euros– para todas aquelas persoas subscritoras de Nós Diario. Estas deberán enviar un correo electrónico a subscricion@nosdiario.gal achegando os seus datos persoais xunto co teléfono de contacto. Porén, esta promoción, unicamente válida para a península Ibérica, ten como data límite o 15 de decembro deste ano. Velaquí un título co que debemos completar as nosas bibliotecas particulares, as dos nosos concellos e as dos centros de ensino do país.
Reverter un país que mingua
O xornalista Xan Carballa entrevista neste número de Sermos Galiza o ensaísta e economista Albino Prada, que vén de publicar o libro Galicia, un país desnortado e minguante. Unha obra que se suman a unha extensa bibliografía de lectura indispensábel e que axuda a entender o presente e futuro da Galiza.
Carballa e Prada conversan sobre os problemas e as decisións económicas equivocadas que levan o país a unha situación que se debe mudar con urxencia. “Non creo que o problema máis importante para Galiza sexa o sector industrial. Non somos conscientes de que hoxe sete de cada dez empregos están nos sector servizos. E se falo de emprego e de benestar social, debo ter moita atención ao que suceda neses sete de cada dez. Especial coidado nos servizos públicos e nos privados e en que novos servizos aparecen, se se dixitalizan ou non, porque todo está póndose patas arriba e case ninguén fala disto”, explica Albino Prada.
A castaña: do outono ao prato
Tradición e innovación gastronómica ocupan as primeiras páxinas deste Sermos Galiza. Lucía Alcaina Romaní convídanos a facer un percorrido pola situación actual da castaña galega, achegándonos á súa importancia tanto gastronómica como cultural, “que non é pouca”.
Alén das receitas tradicionais máis coñecidas, como as castañas cocidas “ás que a xente acostuma botar un pouco de canela, de fiúncho e un anaco de casca de limón”, explica a chef Begoña Vázquez, do restaurante Regueiro da Cova de Verín, ou “a crema, a marmelada, o pudin, a fariña, o pan ou a empanada de castañas”, esta froita, produto do outono por excelencia, tamén dá marxe para a innovación.
Libros, música e cinema
Tensi Xesteira non falta á súa cita cos libros. A súa escolla semanal achéganos Eu son o monte (Euseino), de Sara Guerrero, xornalista e crítica literaria mexicana que ten investigado moito sobre a literatura escrita por mulleres migrantes no Estado español. "Aparece a precariedade, pois fálase directamente da supervivencia, desa sensación que supón non ter diñeiro nun mundo capitalista. Da imposibilidade. Dese querer ser, pero non poder".
Susana Sanches Arins recoméndanos O Concurso os Mellores Inventos (e outros incribles acontecementos) (Xerais), de Berta Dávila con ilustracións de Julia Lago. “Berta Dávila podia sentar no sofá a laiar-se das poucas estórias com chicletes, versos alexandrinos, bicicletas e guerras franco-prusianas que há no mundo, impedindo a diversão das crianças, ou bem sentar no escritório e escrevê-la, para nos entreter a todes. Temos sorte: optou pola segunda via”, escribe Sanches.
Belém Tajes debulla o novo disco de Laura Itandehui, con título homónimo. "A nova oaxaqueña de 28 anos asoma a cabeza cunha proposta que combina formación jazzística e unha sensibilidade serena, logrando co seu disco debut un lugar importante para todas aquelas persoas que amamos a boa música".
A seguir, César Morán detense na “épica do Bravú” para falarnos dos inicios do rock en galego co gallo da estrea do documental Bravú XXX, realizado por Nós Televisión. “Todo é possível graças à personalidade de Xurxo Souto, um comunicador como poucos neste nosso país, de memória prodigiosa, talento criativo, conhecimento da realidade, múltiplas leituras detrás e um agir continuado no compromisso social, ao que ajuda a sua fonda empatia e generosidade”, escribe Morán.
A vida de Aurora Álvarez Alonso, unha muller de 86 anos que vive na aldea de Taboexa, nas Neves (O Condado), a través do obxectivo de Area Erina é obxecto da crítica de Andrés Castro. Nunhas gravacións iniciadas en 2007 Erina consegue un documento etnográfico humanista que “nace do amor e da amizade achegando unha perspectiva feminista das mulleres galegas do rural amosando as últimas boqueadas dunha forma de vida en extinción na Galiza e no resto do planeta pois, do local ao Universal,” o documental Aurora relata a vida de “todas as Auroras do mundo”.
E para rematar...
Xa na despedida desta nova entrega do Sermos Galiza, o Colectivo Xea, formado por Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo preséntanos unha parada obrigatoria na comarca de Quiroga: a área turística de Augasmestas, un lugar que por coñecido e moitas veces visitado, non deixa de ter interese e valor porque en cada ocasión atopamos nel ademais das vistas e as paisaxes cambiantes.
O feche corre da man de Xerardo R. Roca e Xoán Costa con varias propostas de pasatempos, pero antes, Manuel Xestoso, nunha nova páxina de Escena, achéganos ao último de Tito Asorey sobre os escenarios: Non pasarán!, unha versión de Biedermann, unha peza de Max Frisch que tradicionalmente se interpreta como unha metáfora do proceso que levou os nazis a dirixir o destino de Alemaña.
*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 7 de decembro, acompañando o xornal Nós Diario.