Clara R. Cordeiro: "As intervencións artísticas comezan logo dunha conversa con colectivos ou asociacións veciñais e culturais"

Delas Fest ten por subtítulo 'Festival Feminista de Arte Contextual e Urbana'. É o primeiro festival destas características en Europa e chega agora á súa segunda edición. Desde o 24 de agosto até o 20 de setembro os concellos de Compostela, Teo, Ames e Brión acollerán intervencións artísticas, obradoiros de mural e grafitti e xornadas de análise e creación colectiva. Falamos de todo isto con Clara R. Cordeiro, responsábel de xestión cultural en 7H Cooperativa (empresa creadora do Delas Fest) e coordinadora do festival.

Clara R. Cordeiro, terceira pola esquerda, co equipo de 7H Cooperativa Cultural (Imaxe: 7H).
photo_camera Clara R. Cordeiro, terceira pola esquerda, co equipo de 7H Cooperativa Cultural (Imaxe: 7H).

En que vai consistir esta segunda edición do festival?

De entrada cambiamos o formato, o ano pasado fixemos todo nunha semana e vimos que era necesario dotar de máis protagonismo o traballo en cada un dos concellos, para que tamén as persoas que participan poidan desprazarse. Agora é un festival de 4 semanas, unha para cada concello: Compostela, Ames, Teo e Brión, que se incorpora este ano, e en cada un dos concellos vaise realizar unha intervención artística por parte dunha das convidadas. Estas accións sempre comezan logo dunha conversa con colectivos ou asociacións veciñais e culturais sobre o contexto no que se vai intervir. Outros dos eventos do festival son os obradoiros, o ano pasado fixemos 2 en Compostela e este ano mudamos e facemos tamén un en cada un dos concellos que participan, de maneira que en cada concello hai como mínimo unha intervención e un obradoiro. E como feche temos a xornada que se celebra na Cidade da Cultura de Compostela, un encontro máis informal entre distintas artistas da arte urbana galega. 

Nun contexto de pandemia como o da Covid-19, canto custou chegar até aquí?

Evidentemente a Covid-19 cambiou completamente todos os plans. Por exemplo, o festival inicialmente estaba previsto para xuño. Tentamos priorizar sempre que se mantivese o cartel de artistas co que contabamos pero a realidade fainos traballar continuamente na incertidume porque en calquera momento podemos mudar algo. Estamos moi pendentes das medidas sociosanitarias para poder garantir a seguridade de todo o proxecto e de todas as participantes e así cousas que antes eran moi sinxelas agora son moito máis complicadas. A improvisación e o espírito lúdico teñen moito máis traballo detrás.

—E que hai da cuestión económica? Como se xestiona o Delas?

A nivel orzamentario tamén mudou completamente. Xa viamos que ía ser unha edición máis complexa porque o ano pasado contabamos cunha axuda da Deputación da Coruña a través da convocatoria de Proxectos Singulares, á que só te podes presentar unha vez, co cal xa sabiamos que non podiamos contar con ela. Tiveramos moito patrocinio privado na edición anterior e estabamos preocupadas por se iso se podería manter este ano e ese foi o motivo de participar nunha campaña de micromecenado da que quedamos moi contentas, onde contamos coa participación de case 400 persoas. Tamén temos o apoio dos 4 concellos participantes e as colaboracións de Cuarto Pexigo, para o aloxamento das artistas, empresas como Montana e Ibersa fornécenos de pinturas... Sen eles sería imposíbel realizar esta edición porque a arte urbana é cara, os materiais son caros e nós queremos pagarlles a todas as persoas involucradas no festival, ademais das artistas.

Como se presenta o futuro do festival? E o da cooperativa 7H? 

Somos optimistas, senón non emprenderiamos no artístico, na participación cultural e na inclusión social na Galiza. Estamos contentas porque aínda que co micromecenado non chegamos ao óptimo, e sabiamos que era case imposíbel, foi moi fermoso todo o apoio que recibimos nesta situación economicamente tan complexa para todas. Así que se fomos capaces de organizar esta edición con todo en contra, nun escenario menos apocalíptico ou postapocalíptico deberiamos ser capaces de seguir sobrevivindo. E tamén somos realistas, isto implica moito traballo, moito esforzo e non vai ser fácil en ningún momento, pero a nosa idea é seguir porque consideramos que o noso traballo é necesario tanto na parte artística, coma na feminista ou na da inclusión social e a resposta sempre é positiva.

Comentarios