Pioneiro libro colectivo

O cine en galego máis alá da nada

Fotograma de 'Galicia-Finisterrae' (1936), de Carlos Velo.

“O cine galego é a conciencia da súa nada. Xa é algo”. Con esta frase abriu o encontro fundacional do cinema galego moderno, as Primeiras Xornadas de Cine de Ourense. Era 1973. Lémbrao o investigador Xan Gómez Viñas na súa contribución ao volume colectivo Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega, pioneiro na materia.
 

Coordinada pola catedrática de comunicación audiovisual Margarita Ledo Andión, produto do Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago, publicada por Galaxia como inauguración dunha nova colección -Pantallas-, a obra recolle seis ensaios que, a partir da “conciencia desa nada”, se dedican xustamente a cuestionala.

 

“E se tivermos que voltarnos cara a un sinal [de inicio do cinema galego], eis un filme que aínda non apareceu, Por unha Galicia Nova (1933), de Ramón Barreiro”, escribe Ledo Andión no Proemio, “eis un outro filme corcosido recén, Galicia-Finisterrae (1936), de Carlos Velo”. A legalidade republicana amparou os esteos sobre o que, mal que ben, se foi construíndo o cinema nacional. Ese que, como titula o seu traballo Gómez Viñas, padeceu dun “relato discontinuo” e, contra os furacáns da historia, conseguíu existir.

 

É a súa a máis historicista das pezas recollidas en Marcas na paisaxe. Porque as outras catas introducen perspectivas oblicuas, laterais. A profesora María Soliña Barreiro estuda as maneiras en que se filma a paisaxe. Mais “como cuestión de clase”. Sobre as “imaxes da emigración galega no cinema” refelxionan os tamén docentes Fernando Redondo e Marta Pérez Pereiro en Identidades buscadas e construídas.

 

A coordinadora do libro debrúzase nas interaccións entre o cinema amador e o cinema militante, que agromou na Galiza dos 70 con cineastas como Llorenç Soler ou Carlos Varela Veiga. Arredor da hipótese da imaxe en movemento nacional-popular pensan Xosé Nogueira e José Luis Castro de Paz. Empregan como boias Fendetestas (1975), de Antonio Simón, e A Esmorga (2014), na versión de Ignacio Vilar. Brais Romero, finalmente, aborda “o debate sobre a lingua”.

 

“Dispómonos a distinguir unha certa estirpe que comezara, precisamente, co devandito Galicia-Finisterrae”, expón Margarita Ledo, “que a historiografía contemporánea define como o primeiro filme nacional galego: personaxe colectiva, territorio, troca, rituais...”.

 

A ópera prima de Carlos Velo -exiliado en México- abrazaba a poética da Frente Popular e anticipaba a do que, apenas uns meses despois, sería a resistencia antifascista. Exhibido e premiado na Exposición Internacional de París en 1937, símbolo cinematográfico contra o alzamento de Franco, o seu rastro íntegro perdeuse. Ate 2010. Unhas bobinas achadas en Moscova polo profesor Vladimir Magidov serviron aos cineastas Pablo Cayuela e Ramiro Ledo para realizar unha preciosa tarefa de reconstrución. Velaquí, se cadra, unha metáfora acaída para esa historia do cinema galego á que contribúe Marcas na paisaxe.

 

Nota: cuberta de Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega.