A chegada do Apalpador marca o clímax das celebracións do Nadal galego
O Nadal é unha data liminal, é dicir, marca un límite entre a fin dun período e o comezo doutro novo, explica a Nós Diario o antropólogo Rafael Quintía. “É mesmo dobremente liminal ao relacionarse co solsticio do inverno e, na actualidade, representar o comezo do ano”.
As datas que marcan fronteiras deron lugar a ritos e crenzas que son paralelas e similares, “son propicias para o extraordinario e a presenza de determinados seres, para ritos de fertilidade, oraculares e de adiviñación” así como, explica “para os rituais que teñen que ver co caos e a escenificación da desorde previa en relación coa nova orde”, referíndose Quintía con “nova orde” á etapa que comeza.
É por isto que hai un certo paralelismo entre elementos típicos do Nadal ancestral galego e o San Xoán. Tamén o museólogo e antropólogo Felipe Senén López apunta a un “ciclo de Nadal” que resulta “no inicio dunha nova etapa”.
Isto explica a presenza, en primeiro lugar, dos falecidos que, tal e como sinala Quintía, “veñen acompañándonos desde o tempo de Defuntos”, é dicir, en novembro, “até o Entroido”. Isto acentúase polo carácter relixioso do Nadal, no que a crenza fai que, en moitas casas, se teña presente as persoas falecidas, deixándolles un prato ou unha cadeira libre na mesa.
O Apalpador
"Distinguimos as anteriores figuras, de carácter máis espiritual, de aqueles personaxes mitolóxicos dos que non se teñen moi claras cales son as súas intencións”, explica Quintía. Entre elas, destaca o Apalpador, equiparábel a outras figuras peninsulares e europeas, representantes de “seres que viven no bosque”, como é o caso do Olentzero en Euskal Herria.
No Macizo Central, na Terra de Trives, existe tamén unha figura similar: o Pandigueiro, documentado por Miguel Losada, que é unha variante do Apalpador, tamén carboeiro e cuxa función é, igual que o primeiro, entregar os agasallos de Nadal ás crianzas.
Felipe Senén López reivindica a compatibilidade, mais destaca a preferencia polos Reis Magos. O Apalpador representa, explica, “a reconversión da maxia, o monte e as fadas, típicas do mundo celta, mesturadas coa caracterización dese carboeiro, tan típico das zonas nas que se traballa o ferro, como o caso do Courel”, un ser que se caracteriza por “simpático, pandigueiro” e que atopa a súa versión feminina en personaxes como Mary Poppins. Isto represéntase tamén no mundo cristián con San Nicolás, “un santiño do saco, un home bo, que fai ben á esperanza dun país, que son os nenos e as nenas”.
Por outra parte, continuando co “realismo máxico galego” ao que alude Felipe Senén, Rafael Quintía achega a figura dos Trubincos, uns trasnos que “entran pola cheminea e molestan, desordenan a casa e producen caos”. Trátase dun mito que se estende, alén do noso país, noutros territorios de Europa, coma as Illas Británicas, ou Polonia. Para expulsalos, explica, quéimanse piñas con resina, xerando así a tradición da queima de madeira de piñeiro en Noiteboa.
Este rito relaciónase con outros similares propios dos meses de inverno, nos que o lume é protagonista, como son os magostos, as cacharelas típicas dalgúns puntos da Galiza o 31 de decembro ou as queimas de fachóns en xaneiro que, segundo Felipe Senén, recuperouse despois de que tivesen pasado polos Estados Unidos, que adaptaron os “elementos do occidente atlántico” en forma de espectáculos de cores e tiradas de fogos de artificio. Este tipo de eventos poden lembrar a tradición máis relevante da outra data liminal principal do ano: o San Xoán coas súas fogueiras.
Trasnadas
Tamén por ser o final dunha etapa, e para facer xustiza a ese caos precedente á orde que vén, hai unha tradición de inicio de ano que consiste na realización de ‘trasnadas’: roubar carros, desordenar elementos públicos... Mesmo hai rexistros de Vicente Risco nos que se recolle como costume facer brincadeiras na Misa do Galo, tal e como relata Quintía, entre elas, o lanzamento de bombas fétidas ou a pintura da auga bendita.
Panxoliñas ou vilancicos?
É moi importante distinguir entre os vilancicos e as panxoliñas. Os primeiros tiran o seu nome do seu significado: son “cancións de vila”, mentres que os segundos, tamén denominados “panchelinguas”, son cantigas de carácter relixioso. Felipe Senén sinala que ambos fan parte da “gran riqueza de músicas da Galiza, nas que se agrupan cantigas como os de amigo ou escarnio e maldizer”.
Outras cancións típicas do Nadal galego son os nadais, os ‘Manueles’ ou os aguinaldos, así como os cantares de datas específicas, coma os de Reis ou de Aninovo. Esta riqueza, reivindica Felipe Senén, “a falta de impulso por parte dos poderes públicos” é recuperada por músicos coma Carlos Núñez, A Quenlla ou Fuxan os Ventos.
As orixes dos antigos rituais e o papel da Igrexa
É habitual atopar rituais que exemplifican a "Galiza da maxia" que refire Felipe Senén López. Ademais da queima das bruxas en San Silvestre ou as conexións cos defuntos, hai outras cerimonias que manteñen esa maxia popular. Un deles, neste caso, para atraer a fertilidade, é o vareo das árbores, que tamén se reproduce no San Xoán, co que “a árbore favorece a súa rexeneración e dá froitos”, explica Quintía. Tamén existían os ritos adiviñatorios as “sortes e a resortes”, mito que relata que o tempo dos primeiros doce días de xaneiro é o que fará en cada un dos meses do vindeiro ano e que se “comproba” os outros doce seguintes (o que se domina a ‘resorte’).
Felipe Senén reclama o valor da Igrexa, e sobre todo, das igrexas que, aproveitando divisións e estruturas castrexas como eran as parroquias, construíron unha arquitectura social. “Galiza ten un rico patrimonio vinculado a unha igrexa”, explica, mais concreta: “Hai que ver tamén que Igrexa. Eu son da de Basilio Álvarez, da de Moncho Valcárcel... a de tantos sacerdotes que tiveron un compromiso no que as igrexas eran un lugar de exhibición, de arte, de historia, de cultura e de música”. Isto é, se ben respecta a “maxia” e espiritualidade da tradición precristiá, aprecia como a Igrexa foi quen de transformar e manter vivas durante séculos esas tradicións e ritos.