Chan da Pólvora publica o novo poemario de Lupe Gómez

Lupe Gómez nunha imaxe de Tintadelura

A editorial que dirixe Antón Lopo saca do prelo o 8 de marzo 'Camuflaxe', o agardado novo poemario de Lupe Gómez, unha das voces poéticas máis singulares dos últimos vinte anos. 

Tan rompedora como esquiva ante as obrigas sociais do mundo literario, Lupe Gómez levaba sen publicar desde 2010 ('A grafía dos mapas', Toxosoutos). E a súa nova achega vén definida así polo seu editor, Antón Lopo: "Despois de 'Camuflaxe' ninguén seguirá sendo igual, nin as persoas que o lean nin a propia autora, que pare ante os nosos ollos un becerro co seu corazón de sangue vermello".

Antón Lopo: "Despois de 'Camuflaxe' ninguén seguirá sendo igual, nin as persoas que o lean nin a propia autora, que pare ante os nosos ollos un becerro co seu corazón de sangue vermello".

Lupe Gómez (Fisteus 1972) revelouse a mediados dos anos noventa con 'Pornografía', un libro que rompeu os corsés líricos e abriu unha exploración onde o sexo e a mística falan a mesma lingua. Desde entón, con títulos como 'Fisteus era un mundo' ou 'O útero dos cabalo's, a súa paixón literaria expandiuse a través de xéneros, soportes e idiomas, até ser unha das autoras máis traducidas e admiradas do país. Xornalista de profesión, crítica teatral, entrevistadora lúcida, dramaturga personalísima e recitadora de forza tectónica, Lupe Gómez é desde hai algún tempo lectora litúrxica da catedral compostelá. A súa obra sérvelle de inspiración a Amancio Prada para o seu novo traballo musical. 

Desde Chan da Pólvora explican que esta nova obra "xorde como unha urxencia existencial e literaria que Lupe Gómez sente ao morrer a súa nai, no ano 2013. Porén, o libro non tarda en sobrepoñerse á elexía persoal e transfórmase nunha crónica reveladora e íntima sobre a extinción cultural e física dunha comunidade. Sen perder a corpulencia do seu verso violento e, ao tempo, fráxil, Lupe Gómez ensaia neste poemario novas formas de enerxía silenciosa, abrindo campos expresivos ata agora inéditos nela".