Reivindicar a historia de noso desde o Pico Sagro

“Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares”. Máis un ano, e desde 2011, o Alba de Gloria, de Castelao, volveu pronunciarse desde o alto do Pico Sagro para recuperar o espírito nacional do autor do Sempre en Galiza e das Irmandades da Fala.

67312950_10219534455301249_824067983444803584_n
photo_camera [Imaxe: David Otero] Marta Dacosta, durante a lectura do discurso.

O 19 de xullo de 1924, durante a ditadura de Primo de Rivera, Castelao, acompañado doutros membros das Irmandades da Fala, ascendía ao Pico Sagro, fonte de numerosas lendas e contos populares, para regresar, simbolicamente, cando, exiliado en Bos Aires, escribiu o necesario discurso Alba de Gloria.

Desde 2011, a Federación Galiza Cultura e as asociacións culturais O Galo, de Compostela, e Vagalumes, da Estrada, organizan unha subida ao Pico Sagro para resgatar o espírito daquel ascenso. Nesta ocasión, foi a escritora Marta Dacosta quen pronunciou a intervención principal, de marcado carácter poético, na aba do monte, “obxecto de culto do pobo que por dereito habitaba estas terras antes da primeira colonización coñecida e da cristianización forzosa que quixo ocultar a súa existencia”, lembrou.

Desde o “altar da terra nai”, salientou, parafraseando a Castelao, aludiu a “aqueles homes” que “estaban pescudando a terra que alimenta as nosas raíces, facéndose fortes nelas”. Algo, engadiu, que “nós debemos manter e seguir a practicar: coñecer e sentir orgullo do que somos”.

Marta Dacosta insistiu na necesidade de sacar á luz e visibilizar “as abas da nosa historia como realmente foron"

Nesta liña, Marta Dacosta insistiu na necesidade de sacar á luz e visibilizar “as abas da nosa historia como realmente foron, para así sabermos se acadamos o cume ou aínda temos que percorrer un traxecto necesario e convocar o noso pobo para que comprobe de que elementos estamos feitos. E se, coma este monte, estamos feitos de cuarzo, somos duros e transparentes, como Castelao foi”.

A escritora reivindicou a imaxinación como un elemento imprescindíbel para recoñecérmonos. Precisamente, Castelao advertía no Alba de Gloria ese “evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro”. “A imaxinación é hoxe o fío co que cosemos os anacos de nós que imos recuperando”, afirmou, para se debruzar, a continuación, por Lupa.

A historia de Lupa “foi sempre utilizada como elemento negativo na construción do relato da vinculación do apóstolo Santiago con Compostela”

“Os silencios que se estenden entre os retallos que nacen abeirados aos topónimos que gardan a súa memoria, poñen en marcha a engrenaxe que acaba por se traducir en palabra poética, versos que non esquecen a imaxe da escultura que retratou o seu somentemento á igrexa, case a única imaxe que chega a nós”, pronunciou Dacosta, que advertiu que a historia de Lupa “foi sempre utilizada como elemento negativo na construción do relato da vinculación do apóstolo Santiago con Compostela”. “Retallos á sombra da historia que outros nos dixeron real: a xangada de pedra portadora de ósos sagrados na loita pola construción dun pasado cristián que dese poder e riqueza ás terras recuperadas. Un relato que se repite en diferentes latitudes e que, se o lemos ben, fala de loitas de poder. Lendas de poder que aínda hoxe prevalecen e nos impoñen unha forma de mirar á historia”, agregou a escritora.

Nesa denuncia pola manipulación e ocultación da historia galega, Marta Dacosta tirou de Carvalho Calero, quen nunha entrevista publicada en A Nosa Terra, sinalaba, “mentres non decidamos suicidarnos como pobo temos que confiar na posibilidade de rectificar a historia e a historia, por suposto, ten que ser rectificada”. E esa rectificación da historia levou máis dun cento de persoas a ascender na mañá do sábado ao Pico Sagro.

O imaxinario para edificar a casa de noso

A intervención de Dacosta insistiu no puramente imaxinario como “como cemento necesario para edificar a casa de noso”. “Nese lugar creamos, ás veces, as poetas, procurando construír a rede que nos sosteña, o cobertor que nos abrigue”.

“Como galega, é dicir, muller nacida nesta terra, consciente da miña identidade, da miña clase e de que esta sociedade precisa ser transformada, poño ao dispor de cantos me acompañades o pouco que sei facer, enfiar palabras coas que nomear a emoción. Con esa vontade, deixeime levar un día polo galopar das eguas entre a néboa e corporeicei a raíña pagá que foi sepultada baixa as palabras oficiais, para que das súas cinzas nacese a nosa vida. É o meu particular xeito de “ver o pasado para proveito do futuro”, concluíu a escritora.

Mosteiro de Camanzo e poboado de Fontao

A xornada da mañá completouse coa lectura de poemas por parte do obradoiro de declamación da Asociación Veciñal e Cultural Agra do Orzán, da Coruña, co izado da bandeira,  coa lectura de Alba de Gloria, da que tamén participou a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, da Coruña, e coa visita ás covas do Pico Sagro.

Após o xantar, amenizado polo grupo musical Maraxe, a poeta Iolanda Aldrei guiará as persoas participantes polo mosteiro de Camanzo, onde se conservan pinturas do século XVI. Após visitar o templo, realizarase unha visita guiada, a cargo do director do Museo da Minaría de Volframio, polo poboado mineiro de Fontao.

Comentarios