'Aí vén o maio!'

Celia Armas: “Follas Novas representa a consolidación do empeño consciente de Rosalía de Castro por escribir en galego”

Neste 4 de maio Nós Diario inicia un novo coleccionábel sob o título Aí vén o maio!. Celia Armas García, escritora e profesora de Lingua e Literatura Galega, é a autora do fascículo centrado en Follas Novas. Falamos con ela sobre este título.

Foto Xela Celia Armas
photo_camera Celia Armas

Se Cantares gallegos é a obra fundacional da literatura galega contemporánea, poderiamos dicer que Follas Novas representa a consolidación?

Follas Novas representa a consolidación, efectivamente, do empeño consciente de Rosalía de Castro por escribir en galego. A nosa autora ten unha vontade clara de contribuír á cultura galega, xa que naquela altura non podemos case nin mencionar a existencia dun noso sistema literario,  oferecendo un produto xenuina e inequivocamente galego, tanto polos temas como polo seu tratamento. E sen esquecernos da visión feminista da realidade que resulta naquel entón extraordinariamente novidosa, a inusitada valentía é que empregue tamén para estes contidos a nosa lingua, o cal é mostra do seu explícito compromiso coa defensa e reivindicación do noso país. Acontece que, ademais, estamos ante unha obra maxistral desde todas as ópticas, profundamente humana, conectada coa natureza, tan íntima que é colectiva, o cal a convirte, na nosa opinión, no cume das nosas letras.

Igual que Cantares Gallegos, Follas Novas leva un prólogo da autora. Nel Rosalía di “Recíbano non polo que val sinón polo que significa”. Como temos que entender estas palabras?

É a clara explicitación da consciencia de saberse Rosalía a iniciadora, a impulsora, dun movimento de posicionamento da lingua galega como canle válida para a criación de obras literarias. Lembremos que naquela altura aínda non fora redescuberta a lírica medieval galego-portuguesa, polo que o valor da súa transgresión é aínda maior ao non contar con referentes de autoridade que avalasen  a ousadía de empregar a lingua galega para escribir. E este valor acrecéntase no caso de Follas Novas ao tratarse neste volume temas que o conectaron coa mellor tradición da literatura occidental do momento. Poderiamos, pois, atrevernos a reescribir as palabras da autora e dicir: “Recíbano non só por todo o que val sinón tamén polo que significa”.

Que outras reivindicacións introduce Rosalía neste prólogo?

Ademais da sinalada anteriormente, podemos salientar a reivindicación feminista que se explicita xa nestas ‘Dúas palabras da autora’. Comeza explicando que ela é muller, o que lle permitiría, pois, ter máis empatía coa dor allea e por iso reflectila nun libro que, segundo di, non pretende ser ‘trascendental’. Está poñendo, evidentemente, a venda antes da ferida, adiantándose ás críticas non só por tratar temas espiñentos senón por facelo desde unha perspectiva insólita, xa que dá voz ás mulleres traballadoras, as que deben saír adiante coa axuda só das súas propias mans e que teñen que afrontar situacións de abuso, abandono e incomprensión. Chega mesmo máis alá, posto que non ten reparo en sinalar os violadores, os que abandonan as súas responsabilidades sen ter consideración das vidas que deixan atrás condenadas á pobreza e á dor, deixando soas ás ‘pobres mártires’ que só atoparán descanso ‘na tomba’. A denuncia da emigración e da tráxica situación económica de Galiza tamén son núcleos temáticos que xa Rosalía adianta neste prólogo.

Follas Novas é un libro que son cinco, di vostede. Como se pode explicar esta estrutura?

Este libro dividido en cinco compartimentos aparentemente separados é en realidade unha unidade temática que vai, como apunta Francisco Rodríguez, desde o íntimo ao universal. Unha das cousas que fai único a Follas Novas é que posúe unha riqueza temática, métrica e estilística tal que permite múltiples lecturas. Poderiamos, por exemplo, lelo de xeito tradicional no seu conxunto acompañando á viaxe do eu poético e comprobando a conexión dunhas partes coas outras, ou poderiamos achegarnos a cada un dos libros por separado (‘Do íntimo’, ‘As viudas dos vivos e as viudas dos mortos’...), alternalos, saltealos, construíndomos unha sorte de Rayuela poética, un xogo en que a vida (galega e en feminino), a humanidade, é a protagonista e en que nós, os lectores e ás lectoras, podemos mesmo escoller desde onde observala.

Finalmente, como foi a acollida do libro?

No seu momento foi unha obra agardada por aqueles, ben poucos, que compartían con Rosalía a necesidade de traballar pola criación dunha expresión literaria escrita en galego e que, xa desde a publicación de Cantares Gallegos, esperaban a chegada dun outro volume da nosa autora. E cando finalmente viu a luz en 1880 logo de anos de problemas varios, eses mesmos poucos acollérona con entusiasmo, aínda que con certa incomprensión posto que é probable que agardasen unha especie de segunda parte de Cantares, e non é o caso. En España foi, na altura da súa aparición, clamorosamente ignorada. Xa o mesmo Murguía sinalou a falta de comprensión, a envexa e os indisimulados ataques que sufríu Rosalía por ousar dar ao prelo unha obra tan transgresora aínda que tamén é certo que aqueles escasos críticos que se achegaron sen preconceitos a Follas Novas admiraron á súa profundidade e trascendencia.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios