Celebran en Vilalba a obra de Helena Villar e Xesús Rábade

O sábado día 26, ás 12 horas, a Asociación Cultural Xermolos máis a Irmandade Manuel María celebran a obra de Xesús Rábade e Helena Villar en Vilalba. 

Xesús Rábada e Helena Villar
photo_camera Xesús Rábada e Helena Villar

Xulio López Valcarcel, David Otero, Yago Rodríguez e Xulio Xiz participarán na mesa redonda coa que o sábado 26 de outubro se abrirá ás 12 horas a xornada “Celebrando a obra de Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro”. A sesión terá lugar no Muíño do Rañego de Vilalba e, a continuación, inaugurarase o 8º Hectómetro literario -obra de Valdi- no Paseo dos Soños, en homenaxe aos dous escritores. A xornada rematará cun xantar de irmandade na Nova Ruta de Vilalba contará, entre outras, coa intervención musical de Mini e Mero. A homenaxe está organizada pola Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María.  

Tanto Xesús Rábade como Helena Villar gozan dunha sólida e ampla traxectoria literaria na que visitaron distintos xéneros, desde a poesía á narrativa ou o ensaio. Xuntos asinaron tamén un feixe de obras entre as que se atopan varios títulos de literatura infantil como Contos de nós e da xente, Cantan os nenos ou Dona e Don e outros poéticos como O sangue na paisaxe, No aló de nós ou Versos a Compostela. Natural de Cospeito Xesús Rábade e de Becerreá, Helena Villar, participaron ambos no colectivo de renovación poética Cravo Fondo creado en Santiago nos anos setenta do que tamén formaban parte Xavier Rodríguez Barrio, Xesús Manuel Valcárcel, Fiz Vergara Vilariño ou Xulio López Valcárcel que participa tamén na homenaxe. 

Comentarios