A Cátedra de Estudos Galegos de Lisboa tende pontes a través da obra camoniana
O traballo desenvolvido pola Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa, que dirixe a galega Ana María Sánchez Tarrío, catedrática de Filoloxía clásica, traza pontes a nivel cultural entre a Galiza e Portugal. Este espazo foi reactivado hai case vinte anos, en 2008.
A súa creación primixenia deuse en 1995, a mans do catedrático de lingüística da Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL) Ivo Castro, contando con apoios da Consellaría de Política Lingüística da Xunta até os primeiros anos da década dos 2000, nos que a institución cortou o financiamento anual, lamenta a actual directora. No ano 2001, nese contexto, é cando entra como porofesora titular á FLUL a propia Ana María Sánchez Tarrío, tras unha estadía para estudar o Renacemento portugués.
Tarrío explica a Nós Diario como desde o seu posterior estabelecemento como catedrática no ano 2023 traballou coa intención de retomar as reunións con institucións galegas como a propia Xunta ou o Consello da Cultura Galega para recuperar o seu financiamento, así coma para tender pontes entre elas e a capital portuguesa a partir da Cátedra. Mais a intención de vencellar Galiza coa FLUL vai alén disto, pois, como expresa Ana María Sánchez Tarrío, o traballo que a Cátedra realiza non pretende estabelecerse a partir de Portugal, polo que conta tamén cunha equipa de estudosos galegos que traballan desde a Galiza. Colaboran promotores de entidades culturais galegas, estabelecendo "un diálogo intenso e positivo con entidades galegas", co obxectivo engadido de que a Cátedra non sexa vista como unicamente lisboeta. Deste modo, xérase unha intercomunicación que "vai para alén do lectorado, e ten unha dimensión cultural distinta complementar co traballo dos lectores". Por tanto, faise un "exercicio de memoria dos autores portugueses que tiveron unha relación constante cos autores galegos".
A súa meirande actividade é 'Sob o signo de Camões'. Trátase dunha actividade tripartita realizada pola Cátedra de Estudos Galegos, co apoio financeiro e loxístico das Commemorações Camonianas e o Centro de Estudos Clássicos, nomeadamente o grupo de investigación Humanística CEC –coordenado tamén por Sánchez Tarrío-: "por falta de recursos galegos estamos a artellar recursos portugueses para estudos sobre Galiza", denuncia. A idea central desta iniciativa é clarificar as fontes que vencellan o escritor portugués coa literatura galega e outras do espazo da lusofonía, polo que se organizou, tamén no mes de novemebro, a exposición de textos "Sob o signo de Camões. Mostra do Núcleo Galego da FLUL".
Simposio 'Sob o signo de Camões'
A principal manifestación desta actividade foi o Colóquio Internacional 'Sob o signo de Camões', realizado na Biblioteca Nacional de Lisboa o pasado mes de novembro. Este simposio contou con palestras de académicas e académicos que trataron a obra desde a súa dimensión internacional, como Ana Paula Tavares, desde o punto de vista angolano, insistindo na necesidade de descolonizar a súa obra, ou Angelo Colangelo e Adam Hana, que abordaron a lectura de Camões desde un punto de vista italiano e irlandés, respectivamente.
Porén, o obxectivo era relacionar Camões mediante a análise da súa recepción na Galiza, porque, como explica Ana Tarrío, "a historia de recepción de Camões na Galiza é tan constante, desde Rosalía até poetas contemporáneos, que non ten un paralelo na historia global da recepción desta obra". Era, porén, unha historia descoñecida entre os especialistas portugueses. Isto levou Tarrío e a súa equipa a un traballo incansábel de meses, que fixo posíbel o que ela denomina "un coloquio suficientemente grande no que houbese unha presenza maciza desde os académicos galegos".
Para isto, interviron até nove académicos galegos entre os que se atopaban os profesores Elias Feijoo, decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Xosé Manuel Dasilva, estudoso da obra camoniana ou Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega. Nunha mesa redonda, os académicos puideron debater sobre se a lectura e recepción de Camões era nalgún lugar do mundo máis intensa que na Galiza, chegando á conclusión de que non.
Vidas paralelas
Alén do simposio, dentro da actividade tripartita 'Sob o Signo de Camões', coa intención de manter viva a memoria nas relacións entre escritores galegos e portugueses nun contexto recente, a Cátedra traballa noutros eidos. Un exemplo disto é a actividade Vidas paralelas: a posta en diálogo a personalidades da literatura, arte, ciencias... portuguesa cunha galega do mesmo ámbito, comparándoas despois e preguntando a cada un a súa relación co outro país.
A última intención deste traballo é incentivar un encontro final entre estas personalidades en lugares emblemáticos en Lisboa, para que o público portugués "reflexione sobre os vínculos coa Galiza".
Certame: Semente, o futuro traballo da Cátedra en Portugal
Alén das liñas de traballo orientadas a vencellar os sistemas culturais e profesionais galego e portugués, desde a Cátedra de Estudos Galegos da Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa (FLUL) aléntase o certame Semente, cuxa terceira edición está en curso e desvelarase no mes de febreiro de 2026. Trátase dun premio de microensaio anual, formulado para participaren alumnos e alumnas de licenciatura, mestrado e doutoramento da Universidade.
Para manter vivo o espírito da Cátedra, todas as propostas teñen que ser escritos de máximo seis mil palabras que poña en relación calquera aspecto da cultura portuguesa coa cultura galega. Como novidade, estase traballando que nesta terceira edición o texto vencedor do premio será editado. Polo momento, a recompensa, que outorga a Real Academia Galega, consiste en pasar tres semanas en Santiago de Compostela recibindo unha formación sobre lingua e cultura galega para estranxeiros, ademais dun premio monetario.
Ana Tarrío sinala ao respecto que "ten moito sentido este premio para dirixilo ao alumnado portugués, porque provoca que se teña que indagar sobre personalidades galegas do eido da cultura".

