A Casa Museo Manuel María prepárase para acoller un novo Convivio da Cultura

Un ano despois de que se desenvolvera con boa acollida o primeiro Convivio da Cultura Galega, as tres entidades organizadoras, Fundación Manuel María, a Federación Galiza Cultura e a Asociación Cultural e Musical Solfa preparan a segunda edición do encontro do asociacionismo cultural para o día 11 de xullo. 

Casa Manuel María
photo_camera Casa Manuel María

Para o día 11 de xullo está prevista a conmemoración do II Convivio da Cultura Galega, unha xornada de encontro e festa do asociacionismo cultural galego que botou a andar o pasado ano en Outeiro de Rei, na Terra Chá. 

A cita, que as entidades promotoras queren consolidar, deseñouse como punto de encontro das asociacións, posta en común de experiencias ademais de espazo para “tecer rede entre a cultura alega de base”. 

A Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei é o escenario escollido para o encontro, en canto o escritor é “alicerce fundamental na construción e dinamización do movemento cultural galego durante décadas”. O convívio transcorrerá entre a casa natal do poeta, sede da súa Casa-Museo- e a Carballeira da Santa Isabel, onde se quere recuperar o espírito da tradicional romaría. 

“Queremos contribuír a recuperar e reivindicar a memoria daquelas grandes romaxes á beira do Miño que traían xentes de tantos lugares, das merendiñas e das festas e foliadas que alí se fixeron durante anos”, explican, polo que animan á participación á que todo o mundo está convidado a se sumar, a poder ser, con instrumentos musicais e ganas de pasalo ben. 

Comentarios