A relación de Otero Pedraio e Carvalho Calero: "Dedicáronse en corpo e alma á defensa dos ideais das Irmandades"

Foto de familia dos participantes na xornada desta cuarta feira. (Foto: Arxina)
O Parlamento da Galiza acolleu unha xornada dedicada a analizar a relación que mantiveron Otero Pedraio e Carvalho Calero, conmemorando os 50 anos do pasamento de Otero e o centenario do ingreso de Carvalho na Universidade de Santiago de Compostela.

Coincidindo coa celebración do Ano Oteriano, o Parlamento da Galiza acolleu esta cuarta feira unha xornada que, baixo o título Memoria dunha fonda relación, estivo dedicada a analizar a relación que mantiveron Otero Pedraio e Carvalho Calero, dúas figuras esenciais da cultura galega. A xornada conmemoraba os 50 anos do pasamento de Ramón Otero Pedraio e o centenario do ingreso do ferrolán Ricardo Carvalho Calero na Universidade de Santiago de Compostela, e incluíu unha conferencia de Aurora Marco e dúas mesas redondas.

Na inauguración, o presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, lembrou a estreita relación intelectual e persoal que mantiveron, e que levou Otero Pedraio a ver en Carvalho Calero un continuador do labor cultural iniciado pola súa xeración. No seu discurso, Santalices considerou ambos como "grandes construtores da Galiza contemporánea e da nosa identidade".

Pilar García Negro, profesora honoraria da Universidade da Coruña e escritora, foi a encargada da presentación académica da xornada e, a seguir, a profesora da Universidade de Santiago Aurora Marco pronunciou a conferencia Carvalho Calero inicial e iniciático.

Nas mesas redondas falouse sobre Carvalho escritor e profesor, e arredor da relación entre ambos os dous protagonistas. Na primeira participaron os catedráticos de Literatura Xosé Luís Axeitos e Manuel Castelao Mexuto e na segunda, Patricia Arias Chachero, secretaria da Fundación Otero Pedrayo; Carme Fernández Pérez-Sanjulián, profesora da UDC, e a xornalista Maribel Outeiriño.

Atención e coidado

"Foi unha xornada intensa, didáctica e proveitosa, grazas ao ben que a deseñou Pilar García Negro, que deseñou perfectamente os contidos axeitados para desenvolver no tempo que tiñamos", declara Aurora Marco a Nós Diario."Claro que, dada a importancia das dúas personalidades que lembrabamos -que ocupan a máxima centralidade na Galiza do século XX- faría falta máis tempo, pero foi unha iniciativa moi feliz lembrar a obra inxente de ambos autores, e tamén facer memoria da fonda relación que mantiveron desde que se coñeceron, en 1927".

Marco, que foi alumna de Carvalho Calero e que lembra o profundo respecto que se profesaban ambos polígrafos, pensa que "iniciativas como esta son moi necesarias e que as acolla o Parlamento coa atención e coidado con que se fixo é o lóxico, xa que se trata do órgano representativo do pobo galego".

Revelacións

A xornada, malia o xigantesco labor dos homenaxeados, logrou tocar moitos dos temas fundamentais das súas respectivas obras: desde a revelación de Aurora Marco de que moitos dos asuntos que se atribúen ao Carvalho maduro xa estaban no seu pensamento de novo -nomeadamente a cuestión do achegamento ao portugués- até a interpretación que Axeitos ofrecía da demora da Academia Galega en dedicarlle o Día das Letras Galegas.

Figuras esenciais da construción nacional

"O certo é que Otero Pedraio foi quen tiña a máis completa e comprehensiva teoría do ser de Galiza", apunta Manuel Castelao Mexuto, "e Carvalho non só é o seu mellor comentador senón tamén o seu máis avanzado continuador. A súa obra mostra unha visión extremadamente lúcida de Galiza como proxecto de vida en común. Permaneceu escurecida durante moitos anos, e por iso é preciso felicitarse porque a súa obra sexa obxecto de novos estudos e miradas". 

"Nesta xornada houbo unha completa unanimidade en considerar a Otero e a Carvalho como dúas figuras imprescindíbeis na construción nacional galega", engade Pilar García Negro, que lembraba na súa intervención que o Parlamento era o depositario da biblioteca e o legado documental e epistolar de Ricardo Carvalho Calero, cumprindo así o desexo da profesora Mª Ignacia Ramos, a súa viúva. Unha razón de peso para que a xornada se celebrase nese espazo.

García Negro tamén subliñou o vínculo que unía a Carvalho con Otero: "Carvalho reavivou o seu amor e coñecemento da obra oteriana, en múltiplos escritos e conferencias por toda a Galiza, nun cerramento de vida que o unía circularmente a aquel novísimo estudante que xa se esmeraba en lúcidas críticas literarias nas páxinas da revista Nós", lembraba na súa alocución.

E de construción nacional falou tamén Carme Fernández Pérez-Sanjulián, quen ten estudado en profundidade o compromiso de Otero Pedraio cos ideais da xeración das Irmandades da Fala, da que Carvalho é sen dúbida un dos máis entregados herdeiros.

Patricia Arias Chachero, que debullou moitos dos detalles do epistolario entre Otero e Carvalho coincide en presentar os dous vultos como dúas personalidades simétricas, malia a diferenza de idade.

"Ambos son dúas persoas entregadas en corpo e alma á defensa dos ideais das Irmandades", declara a Nós Diario. E ambos desenvolveron unha actividade case frenética para defender aquelas posicións nuns anos moi difíciles, nos que a ditadura apenas deixaba fírgoas polas que  infiltrar aquel ideario. No epistolario son moi comúns as queixas por non ter tempo para nada: claro, estaban traballando seguido pola causa que consideraban xusta".

Arias Chachero destaca o feito de que, aínda que Carvalho Calero, para Otero, non deixaba de ser o rapaz que coñecera na década de 1920, "nunca houbo paternalismo pola súa parte, tratábao como a un igual. El era moi consciente da valía de Carvalho e respectábao moitísimo intelectualmente, igual que este respectaba a Otero dunha forma case reverencial".

Pilar García Negro lembraba na súa intervención a memoria que Otero tiña das décadas de 1920 e 1930. Na entrevista que lle fixo Víctor Freixanes, manifestaba: "naquel intre, cando tan poucas cousas tiñamos, había que facelo todo: viaxar, botar discursos, escribir nos xornais, estudar xeografía, etnoloxía, historia da nosa terra, que estaba sen escribir. O que de ningunha maneira se podía era estar calados e quedos, porque o tempo, xa daquela, loitaba contra de nós". A ese labor dedicaron ambos toda a súa vida.