Galardón

Carlos da Aira faise co VIII Manuel Lueiro Rey de poesía

O poemario presentado baixo o título A guerra era contra nós impúxose aos outros 39 traballos a concurso.

carlos_da_aira
photo_camera O gañador do premio, Carlos da Aira [© Demian Ortiz]

O xurado do VIII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, reunido na tarde da pasada sexta feira, 29 de novembro, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela decidiu conceder o galardón desta edición ao poemario A guerra era contra nós, do autor alaricán Carlos da Aira.

Logo dunha «longa e intensa deliberación», o xurado decidiu outorgar por maioría de votos o premio ao texto citado, que unha vez se abriu a plica, resultou ser de Da Aira. A guerra era contra nós impúxose aos outros 39 traballos presentados.

O xurado estimou «o admirábel dominio do poema en prosa, a forza das imaxes e o tempero na dicción», que na súa opinión «conforman un discurso harmónico e de forte equilibrio interno». Tamén, salientou «a coherencia na ollada da voz poética», que «reflexiona crítica e reveladoramente sobre a condición humana e a súa circunstancia».

Luís Cochón, en calidade de presidente, e mais os vogais Antón Lopo, Ismael Ramos, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, ademais de Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto, conformaron o xurado.

«Bo nivel» dos orixinais

Este resaltou o «bo nivel» dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame conta coa colaboración do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio; da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, da mesma localidade, e Edicións Xerais, responsábel da publicación do volume gañador

O poemario A guerra era contra nós será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey, nun acto de entrega do premio en Fornelos de Montes.

Comentarios