As tres universidades únense para realizar un congreso internacional

Cara a un 2021 de homenaxe a Emilia Pardo Bazán nos cen anos da súa morte

Setembro do ano que vén é o mes escollido para celebrar “Emilia Pardo Bazán no seu centenario. Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI”.
EuropaPress_3461107_emilia_pardo_bazan
photo_camera A autora Emilia Pardo Bazán. (Foto: RAG)

As tres universidades do país fixeron anuncio de levar a cabo en setembro do ano que vén o congreso internacional “Emilia Pardo Bazán no seu centenario. Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI”, en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), a Fundación Barrié, a Xunta e o Concello da Coruña. Un encontro motivado polo centenario do pasamento da escritora e co que se pretende destacar que a mensaxe da autora coruñesa segue "vixente hoxe en día".

Na presentación do evento, o seu coordinador, o catedrático José María Paz Gago, resaltou que son cinco grupos de investigación das universidades da Coruña, Compostela e Vigo e outro da RAG os que están implicados na organización. "Non só será historia, que tamén, senón que pretendemos demostrar a vixencia actual desta personalidade inmensa que foi Emilia Pardo Bazán", recalcou.

A directora científica do congreso, Cristina Patiño, expuxo que a escritora soportou "desdén e hostilidade institucional e académica", símbolo do "poder patriarcal evidente e xeral", dixo, en referencia á sociedade española da época. Aínda actualmente, engadiu Patiño, "non hai autora na literatura española ou universal tan subordinaba a prexuízos".

Pola súa parte, o reitor da UdC, Julio Abalde, defendeu que o congreso é un exemplo do traballo que fan "conxuntamente" as tres universidades, e que a colaboración das administracións os fai "máis fortes". "A Galiza actual non se entendería sen Pardo Bazán", apuntou.

O director da Área de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo, asegurou que "A Coruña é Marineda e Marineda é A Coruña" polo que a cidade "ten que ser o centro neurálxico da conmemoración”. 

Pola súa parte, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, desvelou que hai negociacións para levar á cidade da Coruña a exposición da Biblioteca Nacional de España sobre Pardo Bazán cando finalice, no mes de agosto. "É unha data que debemos celebrar coa potencia que a figura merece", engadiu.

A Academia e a autora

A Real Academia Galega xa anunciou tamén en días previos que no outono de 2021 levará a cabo un encontro internacional dedicado a Emilia Pardo Bazán. A Academia, herdeira da casa da escritora e custodia do seu arquivo e da súa biblioteca, reunirá para o encontro “Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois” persoas especialistas e estudosas da obra da autora homenaxeada e vinculadas a institucións de distintos países.

Comentarios