O Canjazz leva a Cangas a música de catro continentes
O 28º Canjazz converterá do 20 ao 23 de agosto a vila de Cangas (O Morrazo) no epicentro do jazz galego, cun programa que reúne artistas de todo o mundo. A Asociación de Jazz de Cangas reforza así o carácter internacional dun festival que combina música de vangarda e tradición, e que este ano rende homenaxe á historia conserveira local cun cartel deseñado por Guillotina Estudio, inspirado nas antigas latas de conserva galegas e portuguesas. A proposta gráfica xoga tamén coa palabra “can”, que en inglés significa “lata”, convertendo así o deseño nunha peza chea de referencias culturais.
A entidade promotora quere dar un salto na súa actividade coa posta en marcha dunha programación estábel que inclúa concertos mensuais, obradoiros e accións de divulgación para todo tipo de públicos, desde a infancia até o público especializado. Para facer realidade o proxecto, anima a facerse socia, ademais de apoiar unha das citas jazzísticas máis veteranas do noroeste peninsular, con case tres décadas de historia e un público fiel que ano tras ano enche prazas e salas.
O festival, que presentaron esta terza feira en rolda de prensa Mar Núñez, técnica de Cultura do Concello de Cangas; Aurora Prieto, concelleira de Cultura; Antón Iglesias, concelleiro de Turismo, e Xan Campos, da Asociación de Jazz de Cangas, e que este ano reunirá artistas procedentes de Corea do Sur, Arxentina, Senegal, Países Baixos, Portugal ou a propia Galiza abrirá na cuarta feira día 20 co Sun-Mi Hong Quintet, liderado pola baterista surcoreana afincada en Ámsterdam, seguido da proposta poética portuguesa Travessia na Taberna Cambika, e rematará a noite cunha jam session na mesma taberna.
A quinta feira día 21 será a quenda do arxentino Guillermo Klein, acompañado por músicos galegos e portugueses, e do trío Meirinhos– Patiño–Fernández. A sexta feira 22 inclúe masterclass de Klein, o jazz vocal de Gabriela Suárez Quartet e o enérxico Xurxo Estévez Trio. O sábado 23 fechará co trío Reijseger–Sylla–Fraanje, que mestura jazz, folclore africano e improvisación, e co Miguel Seoane Trío.
Con esta edición, o Canjazz reafirma a súa aposta pola música en vivo e o intercambio cultural, mantendo o espírito de proximidade, calidade e descuberta que o caracteriza desde 1997.