'Aí vén o maio!'

Fernández Rei: “Cando regresa de Cuba e se enrola de cheo no movemento das Irmandades, Cabanillas asume o papel de poeta cívico"

Francisco Fernández Rei, catedrático de Filoloxía Románica na USC,  é o autor do fascículo número cinco do coleccionábel Aí vén o maio, centrado na obra de Ramón Cabanillas Da terra asoballada. Falamos con el sobre este libro.

2020-09-21 F. Fdez. Rei

Da terra asoballada é un libro social e político...

O libro contén versos cun chamamento á xente labrega para loitar pola abolición dos foros, queimar pazos, mallar nos caciques e tripar por riba das súas tumbas. Son textos da etapa agrarista de Cabanillas en Cuba, publicados nos dous primeiros poemarios, No Desterro (1913) e Vento Mareiro (1915).

Cando regresa de Cuba e se enrola de cheo no movemento das Irmandades da Fala, non cambia o estilo poético, mais si a temática. Agora asume o papel de poeta cívico e pon a pluma ó servizo do ideario dese movemento cultural e político.

Que hai por detrás destes versos? Son exclusivamente versos “agraristas”?

Nos poemas que vai publicando en diversos xornais, que recollerá en Da Terra asoballada, Cabanillas adopta unha actitude educadora, de concienciación paulatina do pobo para achegalo á “santa Ideia” nacionalista das Irmandades. 

Isto vese na sección Santos da nosa Terra, con poemas en louvanza de Murguía e de Brañas e das tres coroas poéticas (Rosalía, Curros e Pondal). Tamén se ve nos versos combativos e patrióticos, con Castela/España como antagonista, de “Meu carriño!”, dedicado a Antón Villar Ponte, co sentimento nacionalista superposto ó agrarismo; e así mesmo nos versos de “En pé!”, himno nacional-revolucionario dedicado a Porteiro Garea, onde chama os galegos a recuperaren o orgullo nacional. Porén, contén algúns poemas máis ben melancólicos, coma o fermoso  “A rosa que sangra”, un canto ás rosas da vida.

Na segunda década do século XX aparece na Galiza o movemento nacionalista. Como encaixa aí Da terra asoballada?

Cabanillas embárcase nas Irmandades da Fala cando comezan a súa singradura e participará activamente na súa singradura. Antes de se crearen, como consta nun documento do 8 de abril do 1916 do arquivo da Familia Cabanillas, desde A Coruña, unha persoa que asina “Un bon gallego” rógalle a Cabanillas “que poña todo o seu amor por Galicia, na formación das LIGAS ou HIRMANDADES de amadores da nosa terra e da nosa fala” e cítalle persoas e agrupacións que en Madrid e en vilas de Galicia están a traballar nesa “ideia”. Non asistiu en maio do 1916 á constitución da Irmandade da Coruña, pero nese mes pediu o ingreso na de Compostela. O seu poemario Da Terra asoballada, que saíu do prelo o 25 de xullo do 1917, converteuse nunha especie de epítome ou compendio da intensa loita irmandiña contra o asoballamento da nación galega.

Da terra asoballada publicouse en 1917. Como foi a súa recepción?

Tiráronse mil exemplares, que se venderon axiña, un quiñón deles en Cuba e Arxentina. O libro comentouno case toda a prensa galega, en xeral con eloxios. Non se cuestionaba o talento literario de Cabanillas, senón a ideoloxía dos poemas e a virulencia de moitos versos. N’A Nosa Terra publicouse unha recensión moi favorable, sen asinar, onde se cualificaba a obra de “xenial, admirabre”; e no mesmo xornal,  Peña Novo arremeteu contra o rexionalista Barcia Caballero, que nunha recensión moi aceda no xornal El Eco de Santiago acusaba Cabanillas de se contaminar “por la peste reinante”, é dicir, polas reivindicacións patrióticas das Irmandades da Fala. A finais do 1917, A. Villar Ponte publicou tamén n’A Nosa Terra un ensaio que  consagrou o cambadés como “Poeta da Raza” e escritor “representativo” polo que agardara a literatura patria desde a morte de Rosalía, Lamas, Curros e Pondal.

Os dous poemas máis populares do libro son dous himnos de loita patriótica e revolucionaria, o agrarista “Acción Gallega” e o irmandiño “En pé!”. Na década de 1970, Xerardo Moscoso e Miro Casabella, de Voces Ceibes, musicaron e cantaron “Acción Gallega”; e anos despois faríao, entre outros, o grupo de rock Xenreira.  No 1976 a Juan Pardo permitíuselle interpretar “En pé!”, o mesmo ano que se prohibía que o grupo Roi Xordo o cantase musicado por Antón Seoane. Os poemas “Acción Gallega”, “Galicia” e “A rosa que sangra” editáronse  no 2007 en ruso e no 2018 en italiano, mentres que  “En pé!” e “Diante dunha cunca de viño espadeiro” apareceron parcialmente en xaponés no 2013 e completos en  ruso no 2007.

Recentemente 18 persoas de Cambados gravamos os 36 versos de “En pé!” en diferentes localizacións da vila para un documental de Xosé Antonio Bocixa, que se vai poder ver no Museo Cabanillas, que se prevé inaugurar o vindeiro 3 de xuño, aniversario do Poeta das Irmandades da Fala.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios