Cando as mulleres gañan: a loita polos dereitos laborais
Este último ano decorrido na loita das mulleres traballadoras na Galiza ten un fito en negro, o asasinato da traballadora do servizo de axuda no fogar (SAF) do Porriño (comarca de Vigo) Teresa de Jesús González a mans do marido dunha dependente á que coidaba. O asasinato de Teresa foi a constatación coa peor das realidades posíbeis da precariedade laboral que arrastra o sector dos coidados na Galiza. Uns meses antes, outra traballadora do SAF, neste caso de Cambre (comarca da Coruña), denunciaba nunha entrevista a Nós Diario unha malleira que recibiu no domicilio dun usuario.
"Teñen que pasar cousas malas para que pelexemos polo noso", lamenta en conversa con Sermos Galiza Digna Cardoso, traballadora do SAF de Ponteareas (O Condado), cuxo persoal vén de culminar unha das vitorias das traballadoras galegas neste último ano, logo de 68 días de folga. As máis de medio cento de traballadoras do SAF en Ponteareas verán recoñecida a súa loita neste 8-M pola Confederación Intersindical Galega (CIG). O ano pasado o galardón foi para as traballadoras tamén do servizo de axuda no fogar, neste caso do concello das Neves (O Condado).
"Choramos, berramos, saltamos de alegría", lembra Cardoso a respecto do día no que coñeceron "pola prensa" a súa vitoria no concello de Ponteareas fronte ás condicións "indignas" nas que prestaban servizo a través da empresa Óbolo. Folgas, mobilizacións e mesmo fechadas na casa do concello, conseguiron a rescisión do contrato, unha "empresa ponte" e o comezo dun novo capítulo laboral para o SAF da vila do Tea. Atrás queda unha dura loita, na que Digna Cardoso recoñece que houbo "faltas de respecto sen nome, crises de ansiedade e noites sen durmir" das traballadoras fronte á actitude dos responsábeis municipais. "Foi terrorífico para todas nós", relata Cardoso, que fala dun "maltrato institucional" ao que venceron. "Todo eran trabas, todo estaba na nosa contra, pero gañamos".
[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 7 de marzo. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]