Homenaxe a Miro Casabella

Cando a canción unía vontades

Con motivo da homenaxe que estes días lle rende o Concello de Cambre a Miro Casabella, publicamos un texto do cantante e compositor Xosé Luís Rivas "Mini" sobre esta xeración de cantautores galegos.

Sin título-1
photo_camera Miro Casabella en 1976 nos estudos de gravación Audio Film, Madrid. Foto cortesía de Xan Fraga.

Corrían os 69-70 do século pasado, os meus dezaoito-dezanove anos e estreando ilusión. Fun ás festas de Sarria á casa do meu amigo Arlindo. El tiña toda a colección de discos de voces ceibes. El lía moito, moitísimo máis ca min. El ía por diante dos demais en moitas cousas. Eu diría que en todo. Tiña antecedentes na familia, do Partido Galeguista, e con ese seu xeito calado e calmo compartía amizade con todos e se terzaba, falaba do asunto. Vaia empacho de música protesta! A Velliña, Ti viches Galicia... e O meu País unha canción para remoer con calma.

Un aprendía con esa letra densa e a melodía pausada e ben cantada (non todos o facían) a recoñecer as lindes ocultas, os significados silenciados, a traxedia e a esperanza necesaria do noso. Porque nun tímido e tatexante amencer, moitos de nós andabamos á busca da liberdade imprescindible e do coñecemento negado.

Aprendemos a compartir aquelas letras nas que adiviñabas e socializabas ideas e anceios

A nosa foi unha xeración de cancións. Aprendemos a compartir aquelas letras nas que adiviñabas e socializabas ideas e anceios. Unha guitarra, a entrada dun portal, un grupo de mozas e mozos e a cantar. E a soñar. Valíanos a máis pequena insinuación á protesta... Miro estaba alí. Non saía na radio (medio case único para moitos de nós de escoitar música) pero no boca a boca si andaba.

E houbo un día que o vin e oín cantar. Non sei quen me levou. Tanto ten. Tampouco sei se foi un recital prohibido ou permitido daquela maneira. El estaba alí e cantou e tocou a guitarra. Sabía ben máis acordes ca nós. Tocaba a guitarra con mestría. Cantaba con seguridade, posuíndo a un auditorio entregado. Con voz harmoniosa e cálida... Olla meu irmao honrado... Castrelo de Miño... Dona Eusenda... Era Miro Casabella, o máis senlleiro de todos eles. Quen máis coidaba a música. As cancións non eran só a protesta, había arte, calidade... densidade.

Aquilo marcoume. Foi unha mestura de medo ao prohibido e ao estado policial e de apreixar aqueles tesouros feitos cancións.

Eu confeso, el xa o sabe, que cantei moitas das súas cancións de oírllas unha ou dúas veces e como eu as canto non se parecen ás orixinais. Son versións obrigadas pola memoria musical.

Demorei moito en trabar amizade con el. Cando nós comezamos a cantar, el deixaba. Cando o Prestige, a min encomendóuseme preparar o Concerto Expansivo na provincia de Lugo e falei con el. De entrada dixo que non... que xa non estaba niso... que...

Onde ti queiras... ofrézoche Guitiriz, un auditorio amigo e a pelo. Aceptou... Logo compartimos estrado e canción desde A Quenlla ou con Mero. Amizade, ideas. Loita e País.

El estaba no camiño da recuperación da Matria cando só había croios e frío. Cando a nosa vida transcorría en branco e negro. Hoxe hai moito charlatán de feira que conta historias que nunca sucederon. Nada era rosa. Nada foi fácil. O conto da transición marabillosa é só iso: un conto. A realidade foi máis dura e difícil: houbo que recuperar a palabra. En toda a súa dimensión. A palabra esquecida. A que a maioría do pobo non quería oír. Si, afirmo que non a quería oír. Doíalle. Doíanos a todos nós a mentira sabida, as pistolas amarteladas, o medo mamado en silencio desde o leite materno. Na nova democracia seguían mandando os vellos fascistas. Agora tutelaban as novas formas. Só mudara o pelexo aparente.

Domesticados polo fascismo pasado, presente e o que permaneceu, poucos querían oír a palabra liberdade. Miro levábaa constantemente nos labios. Levou tempo a máis mastigala.

Hoxe aínda canta e que seña por moitos anos. Van estas lembranzas en agradecemento por estar aí, antes e despois, pola dignidade e a coherencia. E pola calidade da súa arte.

Saúde, compañeiro. E Parabéns

[Esta colaboración aparece no A FONDO especial Miro Casabella, publicado no Sermos Galiza 255, á venda na loxa]

Comentarios