Campaña do tecido cultural de Salvaterra para salvar as Covas de Dona Urraca

As Covas de Dona Urraca, en Salvaterra de Miño. Foto: cedida.

Os plans unilaterais do Concello de Salvaterra de Miño, gobernado polo PP, para converter as Covas de Dona Urraca nun museo do viño topan co rexeitamento da oposición política e do tecido sociocultural da bisbarra. Logo de acordar e difundir un manifesto que esixe manter os usos culturais do espazo -situado na fortaleza da vila arraiana-, agora inician unha campaña á procura de apoios.
 

“O concello xa aprobou o proxecto, as obras xa comezaron, e todo pola porta de atrás”, afirman os activistas. Estes non se opoñen á habilitación dun museo do viño nunha zona, a do Condado, célebre polos seus caldos, senón á conversión non dialogada dunha infraestrutura histórica nun lugar cunha única función. Porque as chamadas Covas de Dona Urraca, que datan  do século XII, acollían todo tipo de actos e eventos culturais, de representacións teatrais a exposicións a -antigamente- vodas ao veterano Festival de Poesía do Condado.

 

“As Covas é o único espazo que temos para facer este tipo de actividades”, engaden “xa non queda ningún outro edificio municipal para acoller a cultura. Este espazo ten un importante valor patrimonial, mais tamén vivencial”. A maiores, dentro do recinto amurallado de Salvaterra atópase a Casa do Conde, na que o consistorio gastou 240.000 euros destinados, en teoría, a unha “Casa do Viño”. Leva catro anos pechada.

 

A Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, organizadora do Festival de Poesía, pide  solidariedade coa reivindicación e propón o envío de fotografías e vídeos coa palabra de orde “As Covas, patrimonio do pobo!” ou de textos, artigos e poemas. Na rede social Facebook hai unha páxina, En Defensa das Covas de Dona Urraca, con máis información.