A Camelia Rosalía de Castro e o Loureiro dos Poetas, novas árbores senlleiras
O Diario Oficial da Galiza recolle a inclusión de cinco novos exemplares no Catálogo galego de árbores senlleiras, así como a supresión de tres.
O Diario Oficial da Galiza (DOG) vén de publicar unha resolución —asinada o 8 de xullo pola directora xeral de Patrinomio Natural, María Sol Díaz Moureira— pola que se inclúen varias árbores e unha formación no Catálogo galego de árbores senlleiras, así como a descatalogación de tres exemplares deste listado.
O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización. De feito, a inclusión de elementos novos é resultado tanto das propostas dos seus propietarios como das Administracións, de centros de investigación, asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do o seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia especial.
Así, a partir desta terza feira este listado inclúe cinco árbores novas, entre elas a Camelia Rosalía de Castro e o Loureiro dos Poetas, ambos os exemplares pertencentes ao xardín da Casa-Museo Rosalía de Castro, en Padrón (O Sar).
Camelia Rosalía de Castro
Árbore híbrida da especie Camellia reticulata Lindl x Camellia japonica L., plantada no ano 1968 na honra de Rosalía e como doazón do afamado estabelecemento viveirícola luso Moreira da Silva e Fillos, no Porto.
A súa principal distinción márcaa o feito de tratarse dunha camelia creada en honra da poeta e que leva, polo tanto, o seu nome. De orixe portuguesa, diferenciábel pola súa floración prolongada, entre novembro e abril, con flores vistosas, semidobres, grandes, vermello-alaranxadas.
Loureiro dos Poetas
Este loureiro (Laurus nobilis L.) é descendente do que figura na foto familiar (Rosalía, Murguía e fillos) do ano 1884, o que a converte nunha árbore con importancia histórica para o país.
Especie consagrada por gregos e romanos, símbolo da gloria e a vitoria, alén de moi útil en calquera fogar, o loureiro pasou por serias dificultades nos anos 50, mais considérase que debeu sobrevivir algún dos brotes que formaron a árbore actual.
Azarolos, érbedos e plataneiros
Outras tres árbores foron incluídas neste 2025 no Catálogo galego de árbores senlleiras. Os azarolos (Crataegus azarolus L.) da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, en Lourizán (Pontevedra), dos que destacan o seu porte, dendrometría, idade e rareza, así como a súa significación cultural, educativa e estética.
Tamén o Érbedo de Cabeiro (Arbutus unedo L.), en Redondela (comarca de Vigo), polo seu porte, dendrometría e idade.
O DOG tamén recolle a inclusión do Plataneiro de Sombra do pazo de San Isidro (Platanus hispanica Mill. Ex Münchh), en Mondoñedo (A Mariña), catalogado polo seu porte.
Fóra do listado
O Diario Oficial da Galiza fai pública esta terza feira a exclusión do listado de tres exemplares por perda dos valores que motivaron a súa catalogación ou por morte biolóxica do exemplar.
No primeiro caso, trátase das faias (Fagus sylvatica L.) do pazo de Castrelos, en Vigo, mentres que os exemplares que morreron son o Cocoteiro de Chile (Jubaea chilensis (Mol.) Baill.) do pazo de Meirás, en Sada (comarca da Coruña) e o Carballo (Quercus robur L.) do pazo de Vilardefrancos, en Carballo (Bergantiños).