Jaione Camborda recibe o Premio Cineuropa, "un festival co que me identifico"
O Panorama Audiovisual Galego de Cineuropa 39 chega como unha mostra da vitalidade e complexidade do cinema feito na Galiza. Desde comezos de século o festival apostou por unha xeración que hoxe define con personalidade propia o mapa do cinema contemporáneo: Oliver Laxe, Lois Patiño, Alberte Pagán, Alfonso Zarauza, Margarita Ledo ou Alberto Gracia, todos eles galardoados co Premio Cineuropa.
Este ano, o festival distinguiu Jaione Camborda, cineasta donostiarra-compostelá que coa súa película O corno logrou a Cuncha de Ouro no Festival de Donostia 2023, converténdose na primeira directora da contorna estatal en ter este recoñecemento. Esta sexta feira recibiu nun ateigado Teatro Principal o Premio Cineuropa.
"É moi especial para min", confesaba Camborda a Nós Diario antes de recibir o galardón. "Recibilo na cidade na que vovo e dun festival co que me sinto moi identificada, fun unha espectadora voraz" das súas programacións.
Lembra a cineasta que en Cineuropa "proxectáronse os meus primeiros traballos" e ve este festival como algo "moi importante, do que debemos de nos sentir afortunados na cidade, que permite ver en pantalla grande un cinema que de outro xeito non poderiamos gozar". Jaiona Camborda define Cineuropa como un festival "que pon o espectador no centro".
140 títulos
Cineuropa celebra á súa 39ª edición con 17 días de programación e máis de 140 títulos repartidos entre o Teatro Principal, o Salón Teatro, Numax, o Auditorio da Galiza e a Zona C.
Baixo o lema “Saír do outono e da clandestinidade” propón, nas palabras do director do festival, José Luis Losa, “un retorno ás salas como acto político, un exercicio colectivo de liberdade e de resistencia fronte aos discursos do odio”.