XIII Encontro de Embarcacións tradicionais

Botes, bateis e dornas, rumo a Combarro

As historias do mar que contaban os vellos mariñeiros seguen entre nós, como tamén o fan as embarcacións en que faenaban. Antagónico ás políticas de despece de barcos é o labor das asociacións integradas na Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar, que promove o XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais en Combarro (Poio) e traballa na recuperación dunha peza fundamental na identidade nacional: a cultura marítima e fluvial.

[Imaxe: Culturmar] Embarcacións tradicionais en Muros

Son 24 os anos que pasaron desde que as persoas pioneiras decidiron xuntar unhas poucas embarcacións en Ribeira. A idea pasaba por recuperar o patrimonio flotante tradicional do país e a partir de entón xurdiu a Federación Galega pola Cultura Marítima, “un calco do movemento que viña xa funcionando na Bretaña Francesa”, explícanos Manuel Sendón, o seu presidente. Desde entón, acordaron realizar os encontros cada dous anos en diferentes lugares do país, “o obxectivo pasaba por aumentar a querenza pola cultura marítima, un dos sinais de identidade máis representativos de Galiza, que é, toda ela, un museo flotante”.

8Agora son case medio cento as asociacións federadas e non menos de 300 as embarcacións que forman parte da flota tradicional galega e deixan ronseis nas rías do país. “Son dunhas vinte tipoloxías, case todas de traballo, marisqueo, pesca e transporte de mercadorías, aínda que tamén existe algunha de recreo”, sinala Sendón, quen nos transmite as principais reivindicacións destas persoas que se afanan en recuperar un dos principais símbolos da cultura do país: o recoñecemento oficial das embarcacións como elementos patrimoniais e a creación de mariñas tradicionais, concibidas como espazos específicos en determinados portos que non só abeiren dornas, botes ou gamelas, senón que se erixan como lugares “de exhibición e concentración de actividades e visitas guiadas”. “Queremos que sexan museos vivos”, di.

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 232, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]

Comentarios