UN ARTIGO DO AFONDO "DEBULLANDO NO BLOGOMILLO"

Blogueando fotografía

Tamén para a fotografía, para quen a fai e para quen goza dela, os blogues abren novas posibilidades. Paula Gómez del Valle fala dende a súa experiencia cunha bitácora tamén excepcional, de fotografía e en galego. Repronducimos aquí un seu artigo aparecido no noso caderno A Fondo.


Desaparecín. Non sei como foi. Simplemente un día deixei de existir. Pasei unha e mil veces as follas do álbum coa esperanza de verme no tempo fixo no que debería ter estado. E non. Non aparecía por ningures. Toda unha etapa de vida da que só tiña lembranzas na cabeza e aquelas fotos que coma un puzzle conformaban un tempo que fora real. Pero eu non estaba alí, aínda que si todo o demais: Amigos, familia, cidades, obxectos, animais... agás eu.

Nunca fora tan consciente da miña morte fotográfica e non pensaba tan sequera que un cambio espacial mínimo como é o diante-detrás tivese tal consecuencia.

Quen fun dende aquel momento? En quen me convertín nese instante?

Din por aí que había tribos indias que se negaban a seren fotografadas porque aqueles trebellos do demo roubaban as almas

Din por aí que había tribos indias que se negaban a seren fotografadas porque aqueles trebellos do demo roubaban as almas; e non deixan de ter razón, porque verse fóra do corpo e reflectido nun papel é algo científico-máxico.

Pero ao contrario ca eles a miña alma viaxou máis alá do papel e máis alá da mera impresión. Como Alicia, atravesei o espello cara a un mundo no que a realidade é outra e as cousas non son o que parecen.

Pasei ao anonimato.

Ver e construír un mundo ao outro lado do pano e deixar que ela, a fotografía coma se dun elixir se tratase, me levase por sendas que se presentaban ante min sen un esquema a seguir.

Como Alicia, atravesei o espello cara a un mundo no que a realidade é outra e as cousas non son o que parecen

Unha aventura na que fas o teu propio camiño aprendendo de mil maneiras diferentes todos os aspectos necesarios para poder expresar e dar o mellor de ti en cada clic. Pasar do ver ao mirar, do pechado ao aberto e a entender que a liberdade é máis que un concepto publicitario para venderche esa sensación. Cando fotografas es libre, decides que, quen, cando, onde e como fotografar. E nese instante todo queda atrapado na túa decisión.

Irónico, non si?

Dende aqu

ela gravito entre as sombras, os volumes, e a luz, os matices, e o tempo, e os xogos de sedución coa realidade. Unha atracción gravitacional que me delata coma se eu fose un buraco negro.

Nunca serei quen de verme ao outro lado da luz e para nada me importa. Atopei o meu sitio nun mundo alternativo no que todo ten sentido, aínda que quen nos vexa correr dun lado cara ao outro coa cámara na man, ou quen teña que parar o coche no medio da nada porque lle berramos: para, para que vexo unha foto!! ou que saiban que prefiras mollarte enteira en pleno inverno ao caer ao río a que se molle a túa cámara...semelle unha tolería. Pero quen non está tolo non cruza esa fronteira nin lle pon imaxe ao caos.

Ela son eu, eu son ela. Non hai volta atrás.

O blogue permite atemporalidade e case inmortalidade duns pixeles na famosa nube

O meu físico esvaeceuse como testemuña dunha existencia palpábel pero a miña presenza segue a estar aí coma o sorriso do Gato de Cheshire* desaparezo pero permanezo.

*“ De súpeto o gato desapareceu pouco a pouco ata que non quedou nada del, agás o seu sorriso, o que provocou que Alicia comentase que ela vira a un gato sen sorriso, pero nunca un sorriso sen gato.” (Alicia no país das Marabillas. Lewis Carroll.)

O espello de Alicia

Un blogue de fotografía. Un mundo novo onde a imaxe se fusiona coa palabra. Onde o espello de Alicia se reforza coa idea do espectador anónimo que mira ao través. Velaí o duplo xogo de anonimatos o dobre xiro que cal brincadeira e chisco temporal fai que esa fusión sexa aínda máis poética. Existen moitas maneiras de levar un blogue de fotografía coma maneiras de peneirar o millo. Técnicas, master-class, tutoriais...mais a miña é a de sempre. Non cambia porque non quero que se perda este celme que reivindico dende as primeiras palabras deste escrito. O anonimato persoal en pos do protagonismo da fotografía que é quen enche todos os ocos que existan no espazo blogueiro. Unha ventá nova dende a qué mirar e á que miren. Unha ollada a unha realidade que é minimalista e que vai só acompañada, excepcionalmente, do verbo. 

Existen moitas maneiras de levar un blogue de fotografía coma maneiras de peneirar o millo. Técnicas, master-class, tutoriais...mais a miña é a de sempre

O blogue é unha ferramenta perfecta para que a fotografía atope un lugar máis alá dunha sala de exposicións temporais na que unha data de caducidade previa determina a vida e o éxito da foto.

O blogue permite atemporalidade e case inmortalidade duns pixeles na famosa nube. Permite acceso directo e fácil, permite que a súa mensaxe se espalle máis rapidamente e chegue a máis anónimos que fan co el, o tan querido, click.

Un blogue de identidade segreda. Fotografías que visten a ese blogue. Un blogue fotográfico no que se pode ver o sorriso do gato (galego) de cheshire."

Nota: Este artigo -da autoría de Paula Gómez del Valle y Gómez, blogueira e autora do blogue www.ventanas.blogalia.com- viu a luz no número 86 do A Fondo, o caderno de análise de Sermos Galiza. Infelizmente, e por motivos técnicos, non apareceu na súa integridade. Agora si o fai no Sermos dixital.