BICENTENARIO DO AUTOR DE 'ENSAYOS POÉTICOS EN IDIOMA BERCIANO'

O Bierzo reivindica a Fernández Morales como figura do Rexurdimento

Antonio Fernández Morales (Astorga 1817 - Cacabelos 1896)

Este sábado 17 de xuño, mentres a RAG elixe o futuro -ou a futura- homenaxeada, no Bierzo réndenlle homenaxe a Antonio Fernández Morales, un autor esquecido a este lado da raia de quen se cumpren este ano 200 anos do seu nacemento. 

Hai un ano Antonio Fernández Morales quedaba segundo na votación da RAG para ser homenaxeado este ano. Era o grande obxectivo do movemento cultural berciano: que fose o home das Letras 2017 coincidindo co bientenario do seu nacemento. Pero non puido ser, Casares pasoulle por riba, pero a decepción non impediu que as asociacións culturais se implicasen nesta efeméride, que celebrará este sábado o seu primeiro grande acto. 

 

Silveiro: "Queremos que sexa recoñecido como unha figura entre os Precursores e tamén no Rexurdimento, dado que é o segundo autor que publica en galego despois de Pintos e previo a Rosalía de Castro"

 

Será este sábado 17 en Cacabelos, onde se lle renderá homenaxe ás 11.30 diante da súa casa na Rúa Santa María, e logo en La Monchoa inaugurarase unha exposición titulada "Fernández Morales hoxe: creacións e recreacións". Tamén se presentará a obra 'Antonio Fernández Morales, autor berciano. Bicentenario do seu nacemento (1817-2017)', que inclúe poemas do autor e de poetas contemporáneos que se inspiraron nel, como Carme Penim, Igor Lugrís, Romina Bal, Mercedes Queixas ou Manuel González Prieto -tamén coordinador do volume-, entre outros. Na presentación do libro sobre o escritor berciano participarán Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, e os académicos correspondentes da RAG Héctor Silveiro e Henrique Costas. 

 

Simposio en setembro

 

Este acto será un preámbulo das celebracións que terán lugar en setembro, arredor do día do seu nacemento, o 17, segundo nos conta Héctor Silveiro. O máis destacado será un simposio de tres días arredor da súa figura, organizado pola Academia Galega no Bierzo, ademais doutros actos, algún deles na Coruña. 

 

A idea é que Morales "deixe de estar na marxinalidade e pase a formar parte da cultura galega", afirma Silveiro

 

Precisamente con motivo deste bicentenario Edicións Positivas vén de publicar 'Ensayos poéticos en dialecto berciano', a princpal obra deste militar nado en Astorga, publicada antes que os libros en galego de Rosalía. 

 

Precisamente ese é o obxectivo dos colectivos que están detrás da celebración deste bicentenario, como o Grupo As Médulas de promoción da lingua e a cultura galega no Bierzo, organizadora do acto. "Queremos que sexa recoñecido como unha figura entre os Precursores e tamén no Rexurdimento, dado que é o segundo autor que publica en galego despois de Pintos e previo a Rosalía de Castro", afirma Silveiro.

 

A idea é que Morales "deixe de estar na marxinalidade e pase a formar parte da cultura galega", o que é tamén un xeito de integrar o Bierzo no conxunto da nosa cultura. "É un proceso paralelo, Morales está sendo descuberto de forma paralela a que o galego se está a incorporar nas escolas bercianas, e que medra a reivindicación do galego na comarca", explica Silveiro, quen nos conta que o movemento de defensa da lingua e da cultura no Bierzo leva desde 1999 traballando na descuberta e tamén na difusión deste autor, do que pouco se sabía naquela altura, publicando datos biográficos, facendo pescudas sobre a súa vida e realizando actos de homenaxe.