Biblos pecha a colección Mandaio cun libro coas súas sete apostas literarias

Durante sete edicións Biblos premiou sete proxectos literarios que deron despois en novela tutorizada por unha persoa coñecida da escrita galega. Agora sete relatos destas apostas literarias reúnense nun volume que pecha a súa colección Mandaio.

A editorial Biblos pon o peche a súa colección Mandaio publicando no número 50 un volume conxunto con sete relatos d@s cinco autor@s que gañaron o seu premio literario. Sete de Biblos preséntase este xoves día 27 ás 20:00 horas na Casa do Libro de Vigo da man de Agustín Fernández Paz -titor nunha das edicións- e máis do editor Tucho Calvo.

Ao longo de sete edicións, Biblos desenvolveu unha singular iniciativa literaria. Escollía un proxecto e apoiaba o seu desenvolvemento ofrecendo como premio a estadía nunha casa rural e a titorización por parte dun autor ou autora con nome nas nosas letras. Mª Xosé Queizán, Xavier P. Docampo ou o propio Agustín Fernández Paz, foron algúns dos cales acompañaron ao gañador ou gañadora na súa escrita. O Premio Biblos-Pazos de Galicia celebraba cada ano na Casa Grande do Bachao a súa festa literaria e foi alí onde se coñeceron os nomes de Iria López Teijeiro, Alberto Ramos, Patricia Casas, Berta Dávila, Pablo García Martínez, Elena Veiga e Iria Morgade, gañador@s das sete edicións.

O volume convértese nun acaído observatorio da narrativa que vén, do que apunta esta nova xeira de creación literaria en que agroman discursos diversos, en que conviven relatos urbanos con referencias rurais, rexistros policiais e históricos, amor e guerra, temas de sempre con miradas de hoxe.

Despois de que quedase a última edición deserta, a convocatoria está xa publicada co novo nome de Biblos-Casa Grande do Bachao, e as bases poden consultarse en www.biblosclube.com.

Comentarios