Fará parte dunha mostra no Gaiás
A Biblia Kennicott regresa á Galiza 500 anos despois
04 de novembro de 2019 (17:17 h.)
O colofón da Biblia Kennicott estampouse o 24 de xullo de 1476 na Coruña. Ese día un importante comerciante xudeu, Isaac, fillo de Salomón de Braga, recolleu o seu encargo, unha das alfaias da ilustración medieval e, segundo a Xunta, “un dos manuscritos hebreos máis valiosos e fermosos do mundo”. Cincocentos anos despois regresa á Galiza dentro da exposición Galiza, un relato no mundo.
A Biblia Kennicott instalouse este 4 de novembro na Cidade da Cultura. Será unha das pezas principais da mostra Galiza no mundo, organizada pola Consellaría de Cultura e comisariada polo profesor e escritor Manuel Gago. Inaugurarase o 15 de novembro e nela poderanse ver “máis de 300 obras senlleiras sobre os mitos, a historia e a memoria da identidade galega ao longo do tempo e do mundo”.
A Santa de Francisco Asorey, o Libro das Invasións, o Itinerario de Exeria, o Cancioneiro da Vaticana ou dúas versións do Códice Calixtino son algunhas das pezas que salienta o Goberno galego de entre as recollidas na iniciativa. Varias dela visitarán por primeira vez en moito tempo o país do que xurdiron.