Betanzos contará cunha exposición permanente sobre o Reino da Galiza

Natividade González e María Barral. (Foto: Nós Diario)
A Deputación da Coruña instalará o centro na vila brigantina.

Betanzos contará, co apoio da Deputación da Coruña, cunha exposición permanente sobre o Reino da Galiza co obxectivo de contribuír á difusión da historia e da identidade galegas a través dunha instalación museográfica estable que se converterá no primeiro centro de interpretación daquela época. A deputada de cultura, Natividade González, e alcaldesa brigantina, María Barral, asinaron está mañá o protocolo previo ao convenio no que se regulará o réxime de uso do novo espazo onde se instalará a mostra.

Segundo o protocolo, o Concello de Betanzos comprométese a redactar e executar o proxecto de rehabilitación dun edificio de titularidade municipal, adaptándoo ás necesidades técnicas e espaciais que requira unha instalación expositiva permanente.

A Deputación comprométese a iniciar o procedemento de contratación para o deseño museográfico da exposición logo da sinatura do protocolo. Este procedemento de contratación non se iniciará até que o Concello de Betanzos teña finalizado e aprobado o proxecto técnico de rehabilitación do inmóbel e llo facilite á Deputación.

A recuperación da historia do Reino é unha das principais liñas de traballo da área de cultura da Deputación da Coruña. Neste marco, a institución promove, entre outras iniciativas, o Fondo de proxectos culturais Reino da Galiza, que vén de escoller as quince propostas premiadas na súa terceira edición. Entre as iniciativas seleccionadas figura As grandes raíñas galegas na historia, un proxecto ideado por Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, para pór en valor e dar a coñecer as grandes mulleres históricas que deixaron pegada nese período.