Berrogüetto de andar por casa

Será o próximo día 22 no Teatro Colon da Coruña. Berrogüetto comeza unha singular xira de seis concertos, a primeira en formato acústico na súa historia de 17 anos. Unha “Xira de andar por casa” moi propia para o ambiente familiar do Nadal.
cartaz da nova xira de Berrogüetto
photo_camera cartaz da nova xira de Berrogüetto

O Berrogüetto máis íntimo, máis próximo e directo rodará polos escenarios galegos este Nadal en que deron en chamar a “Xira de andar por casa”. Seis concertos en formato acústico, perto da casa, no ambiente familiar propio deste tempo, coa comodidade e a tranquilidade do ámbito doméstico. Os sete músicos, a agrupación ao completo, póñense batín e zapatillas e bótanse a tocar e piden tamén ao público “que se poñan cómodos no noso salón, queremos que fagan súa a nosa casa e só gocen dun novo espectáculo”.

Aposta polo público

Apostan polo público e confían na súa resposta xa que a xira será financiada só polo ingreso da billeteira. Mesmo así, o grupo non reduce a súa habitual formación e mostrarase nesta xira con todos os seus músicos, os sete mesmos compoñentes que tocan nos grandes concertos.

Neste concerto “de andar por casa”, ademais dos temas do seu repertorio, o grupo engadirá cantos de Nadal propios das datas, facendo o concerto moito máis familiar.

Despois da Coruña virá o 23 a cita no Gustavo Freire de Lugo, o 27 a do Teatro Principal de Compostela, o 3 de xaneiro no Auditorio de Ourense, o día seguinte o centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo e o 12 o Pazo da Cultura de Narón.

Comentarios