Bergondo lembrará Florencio Vaamonde no centenario do seu falecemento
O Concello de Bergondo (comarca da Coruña), xunto con outras institucións e colaboradores, homenaxeará mañá Florencio Vaamonde Lores no ano do centenario do seu falecemento. O acto comezará ás 10 horas na capela de San Gregorio (Ouces) e finalizará no auditorio da Senra ao redor das 14 horas.
Entre as actividades previstas figura un roteiro literario pola parroquia, lugar de nacemento do autor. O traxecto terá unha distancia de perto de 4 quilómetros e percorrerá diferentes lugares que foron importantes no seu desenvolvemento vital como a Casa Grande os Vaamonde, a fonte do Petisco, o Centro Social Antonio Pato Pardo (antiga escola), o castro de Reboredo ou a igrexa de San Xoán de Ouces. Neles procederase á lectura da súa obra no que participarán Pura Galán, Ana Fraga Vaamonde, María Mar López Vaamonde, Natalia Lodeiros, Teresa Amado, Mar Hermida, Dulce Fernández, Diana Varela Puñal, Isabel Seoane e Alejandra Pérez.
A xornada rematará cun acto institucional de homenaxe con ofrenda floral na igrexa de San Xoán de Ouces e un coloquio no auditorio da Senra levará con Isabel Seoane e Teresa Amado, estudosas da súa obra e legado.
Florencio Vaamonde
Vaamonde pasou a súa infancia entre San Xoán de Ouces e A Coruña, onde traballou depois como funcionario, consagrando o seu tempo en dignificar a lingua nacional.
En 1897 participou na fundación da liga Galega, organización política presidida por Manuel Murguía. En 1905 participou na fundación da Real Academia Galega e en 1907 contribuíu á constitución de Solidariedade Galega e en 1916 das Irmandades da Fala.