A beleza da Ribeira Sacra bate cun informe negativo da Unesco

A candidatura a Patrimonio Mundial fica adiada. A Xunta e o Goberno do Estado español acordaron atrasar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial por "prudencia" após coñecer a existencia dun documento en contra do órgano asesor da institución. O obxectivo de ambas as administracións é que se siga a traballar no proxecto para "reforzalo".
Vendima na Ribeira Sacra. (Foto: Carlos Castro / Europa Press) #ribeirasacra #miño #sil #vendima #unesco #icomos #patrimoniodahumanidade #patrimoniomundial #recoñecemento #galiza #medioambiente
photo_camera Vendima na Ribeira Sacra. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Ribeira Sacra agardará algo máis de tempo para intentar gañar o recoñecemento de Patrimonio Mundial da Humanidade da Unesco. Malia que a candidatura ía ser remitida ao organismo este ano, transcendeu que existe un documento negativo do órgano asesor Icomos (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) que fixo reflexionar a Xunta e o Goberno do Estado español. Ambas as Administracións públicas veñen de adiar a proposta por “prudencia”, coa intención de “reforzala” de cara ao seu enfrontamento polo título con outros lugares do mundo. 

O Icomos cuestionou algúns aspectos da proposta que xa existía, polo que se acordou adiar a iniciativa e traballar máis naquilo que se quere trasladar á Unesco para que inclúa esta contorna singular da Galiza na súa listaxe.

A decisión final foi froito dun encontro entre o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o embaixador de España ante a Unesco, Juan Andrés Perelló, que asumiron que este paso atrás é “habitual”. 

“A Ribeira Sacra será Patrimonio Mundial”, afirmou Rodríguez, que pensa que este pequeno atranco no calendario non vai impedir que se presente doutra forma a candidatura, pois o movemento anunciado esta quinta feira é só unha suspensión “estratéxica”, dixo. 

"Non podemos estar máis orgullosos do traballo feito e dos grandes fitos que conseguimos nun tempo récord", destacou, pero xurdiron -segundo palabras de Perelló- “severas discrepancias” co estudo do Icomos que invitan a “un diálogo profundo”. 

Non hai “tempo” para facelo en 2021, toda vez que se indican “erros manifestamente corrixíbeis” e “outras cousas que se poden incorporar” á proposta da Ribeira Sacra. 

Perelló incidiu en que “o importante é chegar, non cando”. De feito, coa retirada deste trámite da axenda de 2021 non se concretou outra data. 

Comentarios