Bases do certame literario "Un verán con Castelao"
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e Sermos Galiza S.A, a través do xornal Nós Diario, organizan o certame de narrativa "Un verán con Castelao". O concurso ten como obxectivo impulsar e recoñecer o talento creativo na contorna escolar, fomentar a creación literaria en lingua galega e difundir a figura e o legado de Castelao. O certame rexerase polas seguintes bases:
1. PARTICIPANTES
Poderá participar o alumnado de centros de ensino secundario (ESO, Bacharelato e FP) da Galiza sempre que o centro educativo en que está matriculado estea subscrito a Nós Diario. Se o centro non for subscritor, poderá facerse -por un ano- até o momento da inscrición no certame. Cada centro participante recibirá, durante o próximo curso académico (de setembro de 2025 a xuño de 2026), amais do exemplar que lle corresponde por subscrición, tres exemplares de agasallo.
Inscrición: Para participar no certame é necesario inscribirse, enviando os datos requiridos ao correo electrónico: certame@nosdiario.gal O período de inscrición é o comprendido entre o 21 e o 30 de abril de 2025 [ampliado o prazo até o venres 9 de maio, por mor do apagamento]. Cada inscrición deberá achegar obrigatoriamente os seguintes datos: Nome completo da persoa participante, data de nacemento, curso e colexio; Teléfono e correo electrónico de contacto. No caso de persoas menores de idade, autorización das familias ou titores legais para participar no concurso. Ver anexo 1.
2. CARACTERÍSTICAS DOS RELATOS
Os textos deberán ter unha extensión mínima de 5.500 caracteres e unha extensión máxima de 6.000 caracteres (espazos incluídos). Deberán estar escritos en lingua galega. A figura de Castelao ten que estar presente, ben como personaxe, tema, inspiración ou ben doutra maneira que a autora ou o autor considere.
3. PRESENTACIÓN E PUBLICACIÓN. PRAZOS
O prazo de entrega dos textos comeza o día 1 de maio e finaliza o 31 de maio. Cada alumna ou alumno participante poderá presentar un único relato. Os relatos deberán enviarse nalgún dos formatos de texto máis habituais (Word, LibreOffice, OpenOffice, etc), amais de en PDF. O envío farase ao correo certame@nosdiario.gal A publicación dos relatos seleccionados realizarase durante os meses de xullo e agosto no xornal Nós Diario, cunha frecuencia de un relato por día, na edición en papel.
Forma de presentación: No envío, que se fará só por correo electrónico, deberá figurar a seguinte información: A) No asunto do correo electrónico especificarase “Para o Certame Un verán con Castelao”. B) No corpo do correo figurarán os seguintes datos: Título da obra; Nome e apelidos do autor ou da autora; Ano e lugar de nacemento; Centro de ensino; Enderezo postal completo; Teléfono(s) e correo electrónico. C) Como anexos figurará o texto segundo os formatos indicados no punto 3 destas bases. Non se aceptarán envíos que inclúan debuxos, fotos, ligazóns externas ou calquera outro tipo de adorno alleo ao propio texto.
4. SELECCIÓN E DIFUSIÓN
Un xurado designado pola AS-PG e por Sermos Galiza S.A. seleccionará os 45 relatos premiados. Os nomes das e dos membros do xurado faranse públicos ao mesmo tempo que a resolución do mesmo, publicándose na edición en papel de Nós Diario do día 24 de xuño. A decisión do xurado será inapelábel. A organización velará por que os textos se axusten ás normas do certame e resérvase o dereito de excluír aqueles que non se axusten ás bases ou que conteñan contidos inadecuados.
5. DIPLOMAS E RECOÑECEMENTO
Todas as persoas participantes recibirán un diploma de participación. Ademais, os relatos seleccionados serán publicados en Nós Diario, o que suporá un recoñecemento público do traballo do alumnado e dos centros participantes.
6. DEREITOS DE PROPIEDADE INTELECTUAL E PROTECCIÓN DE DATOS
As persoas participantes ceden á AS-PG e a Sermos Galiza S.A. os dereitos de uso e reprodución dos traballos premiados no certame durante o ano 2025 para a publicación dos mesmos no xornal impreso Nós Diario. No caso de menores, a ou o representante legal deberá autorizar a participación da ou do menor no concurso, así como a cesión dos dereitos de uso. Ver anexo I.
A Organización resérvase o dereito de interpretar e modificar as bases do presente certame en calquera momento ou incluso anulalo ou deixalo sen efecto, sempre que concorra unha causa xustificada para iso. En todo caso, comprométese a comunicar ás concursantes e aos concursantes as bases modificadas ou, no seu caso, a anulación do certame.
Responsábel do tratamento de datos: Sermos Galiza S.A.
Datos que se tratan: Para participar solicítanse os seguintes datos: nome e apelidos, ano e lugar de nacemento, centro de ensino, curso, enderezo postal e correo electrónico; no caso de ser menor de idade: nome e apelidos do ou da responsábel, parentesco, enderezo, código postal, NIF, teléfono de contacto e correo electrónico.
Finalidade do tratamento e destinatarios dos datos: Trátase dos datos persoais da ou do participante -e do representante legal se é menor- para poder xestionar a súa participación no certame “Un verán con Castelao” organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e Sermos Galiza S.A.
Conservación: Gardaranse os datos mentres a ou o participante, ou a súa ou o seu representante legal, non solicite expresamente a súa supresión. Neste caso, suprimiranse coas medidas de seguridade adecuadas.
Lexitimidade: O mero feito de cumprimentar a solicitude de participación no concurso lexitima a Sermos Galiza S.A. para o tratamento dos datos persoais facilitados. De non poder tratar estes datos, no se podería xestionar a participación no mencionado certame.
Dereitos: A ou o participante poderá exercitar os dereitos que se indican a continuación en calquera momento, dirixíndose a: Sermos Galiza S.A. Avenida de Lugo, 2A, entresollado A, 15702 Santiago de Compostela ou certame@nosdiario.gal
As persoas participantes poderá exercer os seguintes dereitos: Dereito a solicitar o acceso os seus datos persoais; Dereito a solicitar a súa rectificación; Dereito a solicitar a súa supresión; Dereito a solicitar a limitación do se tratamento; Dereito a oporse ó tratamento.
7.- ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación no certame supón a aceptación íntegra destas bases, así como a cesión dos dereitos de publicación dos relatos premiados á AS-PG e a Sermos Galiza S.A. para a súa difusión en Nós Diario segundo o indicado no punto anterior. Para calquera dúbida ou aclaración, as interesadas e os interesados poderán pórse en contacto a través do correo electrónico certame@nosdiario.gal ou no teléfono 881 95 95 97.
Anexo 1.- Autorización para inscribirse no certame de narrativa "Un verán con Castelao"
DATOS DA OU DO REPRESENTANTE LEGAL
Nome, apelidos, NIF e parentesco:
Dirección e código Postal:
Teléfono e correo electrónico:
DATOS DA OU DO MENOR
Nome e apelidos e idade:
Curso e centro escolar:
AUTORIZACIÓN
A ou o Representante Legal antes mencionado autoriza á menor / ao menor, tamén mencionado, a participar no Concurso "Un verán con Castelao" organizado pola AS-PG e por Sermos Galiza S.A. Tamén autoriza a cesión dos dereitos de uso, de ser premiado o traballo, conforme ao punto 6 das Bases. Así mesmo, recoñece ter lido e aceptado as Bases do Concurso.
En _______________________ , a _____ de __________ de 2025
Asinado: