Presenta disco compartido cos chineses Alpaca

A banda lucense Kalte Sonne e a exploración do post metal

Imaxe promocional da banda lucense de post metal Kalte Sonne.

Kalte Sonne circula por lugares musicais pouco transitados. Nin sequera no metal, xénero dado ao extremismo sonoro e, nalgunhas zonas, á investigación formal. Formada en Lugo en 2013, a banda dedícase a ese peculiar subxénero que responde á etiqueta de sludge metal. Agora presenta disco, compartido cos chineses Alpaca.
 

O sludge consiste na ralentización xeral do rock duro, aínda con puntuais espasmos hardcore. De atmosfera ominosa, naceu nos Estados Unidos a finais dos 80 do século XX e chegou a incorporar influencias do rock sureño. Kalte Sonne parte dese mundo estético, pero prefiren definirse como post metal, concepto que agrupa propostas exploratorias na marxe mesma do ruído.

 

O seu traballo compartido con Alpaca -un vinilo de 12 polgadas- titúlase Mareira. Gravado e mesturado nos Kollapse Studio de Lugo durante o pasado verán, responde ás sonoridades de trío de baixo, batería e guitarra. Sen voces. Antes publicara The Hum (2014), Terra Incognita-Searching the New World (2015), Searching the New World Part 2 (2106), Ekumen (2018). Os seus concertos chegaron a Portugal, Francia, Italia ou Reino Unido.

 

O día 5 de febreiro levará Mareira/Drown ao centro social autoxestionado do Sar. Acompañaráa Alpaca, autores de Drown, que se atopa de xira pola Península Ibérica La horda del Este Tour 2019.