Balea Vermella: "En Twitch estase a crear unha comunidade moi ampla de persoas que crean contido en galego"
Quen está detrás de Balea Vermella?
Basicamente, dous amigos aos que lles gusta falar de ciencia. Cada un de nós ten unha formación diferente -Balea é químico e Veiga é psiquiatra- e antes de pór en marcha Balea Vermella cada un manexaba o seu propio proxecto de divulgación. Cando nos coñecemos vimos que tiñamos moito en común, que compartiamos a nosa visión da divulgación e a paixón pola ciencia, así que rapidamente quixemos facer algo xuntos. Ademais, desde setembro contamos coa colaboración económica de PuntoGal que nos axuda a mellorar e a pór en valor o que facemos.
Que hai de cada un neste proxecto de divulgación?
De Iria Veiga hai a preocupación pola saúde mental, un tema pouco difundido e do que case non se fala, que tratamos con moita frecuencia en Balea Vermella. De Javier, o interese pola ciencia básica, outra das grandes esquecidas.
A súa idea orixinal estaba moi afastada de Twitch, pero é aí onde prospera.
Tiñamos claro que queríamos facer algo en formato audiovisual, así que nun primeiro momento pensamos no vídeo. Cando se empezou a falar máis de Twitch vimos que o formato directo podía dar moito xogo pola maior interacción co público e pola posibilidade de contar con diferentes colaboradoras e entrevistadas. Non fixemos máis que buscar a plataforma máis acaída. Ademais, canles como Ecos de Xigantes, que comezaron un pouco antes ca nós, e a imposibilidade de xuntarnos fisicamente por mor da pandemia acabaron de inclinar a balanza.
Que lles achega esta plataforma como creadoras?
Achéganos inmediatez, espontaneidade e interacción coas espectadoras en tempo real, cousa que outras plataformas como YouTube non permiten. E púxonos en contacto con toda unha comunidade orquestrada desde 2020 polo colectivo Twitch en Galego, que realiza unha petición para que a plataforma engada a etiqueta do galego como lingua para posicionar canles.
O encontro co público semella afortunado...
A interacción coas espectadoras é o mellor de Twitch, porque é moi espontánea. Sempre nos sorprende o nivel e a calidade das preguntas, e tamén o afecto que nos chega. Salvo raras excepcións, sempre son interaccións en positivo, respectuosas e construtivas. O chat tamén permite facer brincadeiras, estabelecer conversas entre espectadoras e recomendar outras fontes e artigos. É moi enriquecedor. Tamén se crean sinerxías con outras creadoras, tanto de divulgación científica como doutros temas totalmente diferentes, como a nosa aparición en Recuncho Gamer ou as raids -incursións- nas que se deriva a conexión a outro espazo cando remata o directo. Estase a crear unha comunidade moi ampla e diversa de persoas que crean contido en galego.
No caso de Balea Vermella, que propostas ofrece nunha hora longa de transmisión?
Un programa tipo de Balea Vermella consiste nunha entrevista a unha persoa significativa da ciencia e da investigación galegas, tanto feita na Galiza como por galegas afincadas no estranxeiro. Sempre tratamos de que a entrevistada teña a máxima liberdade para falar do seu campo de coñecemento e que as preguntas sirvan a ese fin. Mais tamén nos interesan os factores socioeconómicos que condicionan como se realiza a investigación científica: a fenda de xénero, a precariedade ou a falta de financiamento.
Unha vez ao mes temos un directo coa colaboración de Edicións Xerais no que entrevistamos a un autor da colección Básicos Ciencia e o espazo 'cóctel científico', aberto a persoas colaboradoras co seus propios proxectos de divulgación en redes.
Que papel xoga a lingua nesta cita semanal arredor da ciencia na rede?
O papel de comunicación que xogan todas as linguas. Dadas as circunstancias do galego é importante que haxa contidos sobre ciencia en todos os formatos e nós intentamos pór da nosa parte.