Quinta feira en Cambados

Baiuca e Kiko Veneno fusionan a súa música nun concerto solidario nos ‘Xoves de Códax’

Un novo concerto solidario dos ‘Xoves de Códax' xuntará este 15 de agosto sobre o escenario das Adegas Martín Códax en Cambados os artistas Baiuca e Kiko Veneno.

[Imaxe: Cedida] Baiuca.
photo_camera [Imaxe: Cedida] Baiuca.

As Adegas Martín Códax en Cambados acollerán un novo concerto dos ‘Xoves de Códax’ a quinta feira 15 de agosto e estará protagonizado por Baiuca e Kiko Veneno. Ambos os artistas fusionarán as súas músicas nunha actuación solidaria onde toda a recadación dos billetes destinarase á Asociación Española da Enfermidade de Behçet que promove a agrupación de pacientes, familiares e profesionais con interese en traballar de forma coordinada na procura de solucións e a visibilidade da enfermidade. Ao longo das sete edicións anteriores a entidade leva entregados máis de 100.000 euros.

Baiuca é o nome artístico de Alejandro Guillán, artista capaz de cruzar unha electrónica con moito de experimental e o folclore galego

Baiuca é o nome artístico de Alejandro Guillán, artista capaz de cruzar unha electrónica con moito de experimental e o folclore galego. O pasado ano lanzou SolporMisturas é o seu novo EP, e nel avanza nunha praxe singular que o levou a palcos independentes de todo o Estado. A súa faceta de artista non é cousa recente. A música está presente no seu sangue desde pequeno. Un diálogo entre a Galiza do pasado e a do futuro, iso é o que Baiuca consegue proxectar coa súa música, que usa samplers de instrumentación tradicional, pero pasado polo filtro dunhas bases que se moven entre o techno, o global bass ou as insinuacións da música house.

Os concertos celébranse as quintas feiras dos meses de xullo e agosto

Kiko Veneno leva máis de 40 anos compoñendo cancións para si mesmo e para outras e outros artistas, creando algúns discos de grande relevancia. Presentará o seu novo traballo “Sombrero Roto”, un disco rítmico e alegre, no que os ambientes sonoros teñen mesmo cadencias electrónicas.

Os concertos celébranse as quintas feiras dos meses de xullo e agosto a partir das 20.30 horas na terraza da adega, nunha contorna privilexiada que permite gozar da mellor música coa posta de sol das Rías Baixas.

Para as persoas interesadas en asistir aos concertos do ciclo poranse á venda un total de 400 entradas na tenda da páxina web de Adegas Martín Códax www.martincodax.com.

Comentarios