Saen á luz novos restos arqueolóxicos en San Estevo de Ribas de Sil

Os murais, que datan do século XV, foron detectados polo Centro de Conservación e Restauración San Martín na igrexa do mosteiro, que hoxe funciona como aloxamento turístico pero fornece a posibilidade de visitar algunhas estancias. As pinturas atopadas incrementan aínda máis o valor patrimonial e turístico do complexo.
Igrexa do Monasterio de San Estevo. (Foto: Turismo da Ribeira Sacra)
photo_camera Igrexa do mosteiro de San Estevo. (Foto: Turismo da Ribeira Sacra)

O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, no concello de Nogueira de Ramuín, volve dar unha sorpresa cos achados que seguen aparecendo e aumentando o seu atractivo turístico despois de moitos anos funcionando como un aloxamento turístico.

Hoxe transcendeu que o Centro de Conservación e Restauración San Martín vén de descubrir uns murais dos séculos XV e XVI na igrexa do antigo completo relixioso.

A investigación, que culminou coa aparición de até catro pinturas que representan momentos da vida relixiosa, comezou por casualidade. Segundo conta o delegado episcopal de patrimonio do Bispado ourensán, Luís Manuel Cuña, a obra comezou porque ao retirar uns armarios relicarios quedou á vista parte dun debuxo de autoría descoñecida.

Após dar con esa pista tramitouse coa Xunta un permiso para seguir buscando coa teoría de que “detrás das sillerías tamén habería algo”. E foi así.

O Centro San Martín fixo catro catas nos muros -tapados con cal- e atopou as catro pezas artísticas.

Certa dificultade

No muro dereito, onde foron tres das análises, apareceu policromía escondida detrás de sete capas de cal. Esas pinturas datáronse entre mediados do século XV e principios do XVI pero as expertas consideran que tamén “poderían ser precedentes”.

No muro contrario tamén se traballou pero a obra “foi de maior complexidade, debido a que entre as sete capas de cal até o orixinal, nesta zona a pintura descuberta atópase totalmente picada con maior ou menor incisión e profundidade", aclara Vania López, directora do Centro de Conservación e Restauración San Martín.

Así, Cuña confirmou que xa comezaron a tramitar a futura restauración das obras de arte coa solicitude a Patrimonio da Xunta. Na súa opinión, trátase dun conxunto moi importante e de “gran riqueza” porque “hai moi poucos casos de pinturas murais na diocese de Ourense”. Por iso, tamén fai un chamamento ao mecenado público ou privado para arranxar este descubrimento na Ribeira Sacra.

Comentarios