Presentan 'A Alma'

Ataque Escampe despide os "violentos anos dez"

Ataque Escampe (David Silva)
Ataque Escampe dille adeus aos que describira como "violentos anos dez" coa presentación do seu novo disco, A Alma, o sábado 28 de decembro na Gentalha do Pichel.

O sábado 28 de decembro ás 21.30 horas, Ataque Escampe presenta o seu novo EP, A alma, e dille “Adeus aos anos dez” —que titularon un dos seus discos— repasando algúns dos seus temas máis populares, mais “sorprendentemente anovados”, segundo anticiparon.

O concerto, para o que as entradas anticipadas están xa esgotadas, será no Guateque de inverno que organiza cada ano a Gentalha do Pichel, seguido das picadas de Wanda Buluba e Fragabuki. Quedan aínda arredor de 30 billetes para a venda no propio día, a partir das 21.30 horas.

O público do grupo parece ansioso por ver de novo a formación co vocalista orixinal, Álex Charlón, que anunciou o seu retorno este novembro após deixar os escenarios en 2015, tras a xira de presentación d'O disco vermello.

Aos tres membros habituais (o baixista Lois G. Carlín e os guitarristas Miguel Mosqueira e Samuel Solleiro), súmanse Cibrán Tenreiro na batería e Julio Vilariño Cabezas nos sintetizadores.

Ante a rápida venda das entradas na billeteira, Ataque Escampe xa prometeu nas redes sociais programar axiña máis datas.