A AS-PG celebra unhas xornadas de expresión oral con contadores e poetas

Este sábado a Asociación Socio-Pedagóxica Galega celebra en Compostela as XVI de Expresión Oral con obradoiros dirixidos por nomes ben coñecidos da cultura.

Estas xornadas forman parte do proxecto Tíralle da Lingua, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da lingua. A primeira fase consta destas xornadas dirixidas ao profesorado nas que se intenta proporcionar técnicas para traballar a oralidade na aula. Ademais, inclúe un concurso de relato oral dirixido ao alumnado de toda Galiza cunha fase final que se celebrará a finais de abril en Santiago. 

Os obradoiros serán levados adiante por contadores de contos e poetas, que darán as claves para enganchar aos rapaces na lingua oral: Paco Nogueiras (músico e actor), Andrea Bayer (actriz, guionista e contadora, de Baobab Teatro), Celso F. Sanmartín (contador de historias, poeta e actor), Antía Otero e Dores Tembrás (poetas e promotoras de Apiario editora), e Lucía Aldao e María Lado (poetas e artistas). 

Concurso de relato oral

O XVI Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua está aberto á entrega de historias até o 14 de abril. Os contos poderán ser de base popular, literaria ou creación propia, pero cunha duración máxima de 5 minutos por actuación. 

Vai destinado a tres niveis académicos: Primaria, 1º ciclo de ESO e 2º ciclo de ESO e ensino postobrigatorio. Poden consultar as bases na web da AS-PG

Comentarios