Máis dun cento de artistas e grupos rexeitan a ordenanza de ruído de Ferrol por “dificultar” a programación de música en directo
O proceso que o Goberno municipal de Ferrol, conformado polo Partido Popular, puxo en marcha hai uns meses para aprobar unha nova Ordenanza Municipal de Protección contra a Contaminación Acústica (ordenanza de ruídos) rematou esta semana coa aprobación da nova normativa no pleno de setembro.
Desde a Associaçom Cultural Artábria sosteñen que esta é unha nova ordenanza feita ad hoc para contentar unha pequena parte da veciñanza do barrio da Madalena e sen consensuar e procurar o diálogo en ningún momento cos distintos axentes afectados. Artábria manifesta a necesidade de que haxa unha normativa municipal que regule os ruídos e que garanta o descanso da veciñanza, “mais ten que vir dun certo proceso de debate e de participación cidadá e non a base de pasar o rolo da maioría absoluta no goberno do Partido Popular”, din.
Artábria, nun comunicado feito público este domingo 28 de setembro, sinala que para os espazos que fomentan a cultura esta nova ordenanza dificulta a programación de música en directo ao non regular de maneira clara a exención ou adaptación da normativa para entidades culturais “soportando normativas absurdas que exixen trámites, custos desproporcionados e burocracia para facer o que levamos décadas facendo sen ofender a ninguén”.
“A cultura é un dereito, non un delito e queremos continuar a traballar sen medo a procesos sancionadores”, reclama Artábria ao Goberno municipal do alcalde José Manuel Rei Varela (PP).
O Centro Social Artábria destaca que leva vinte e sete anos de traballo, primeiro no Barrio da Madalena e agora en Esteiro, para manter viva a cultura popular galega con moito esforzo e ilusión desde un espazo que non é un negocio nin lucro, recordan que o centro social “está sustentado por persoas que achegan a súa forza de traballo sen recibir salario e que programan actividades desde o voluntarismo asociativo”. Malia que “isto choca co pensamento mercantilista dunha sociedade capitalista”, destacan que “a nosa forza é levar a cultura ao pobo desde o pobo”.
Manifesto contra a nova ordenanza de ruídos e apoio ao Centro Social Artábria
Máis dun cento de artistas e grupos musicais veñen de firmar o manifesto titulado “Que nom silencien a Artábria. A cultura nom é ruído”, dando o seu apoio ao centro social ferrolán e solicitan ao Goberno municipal a paralización da nova ordenanza e o inicio dun diálogo con veciñanza, hostaleiros e axentes culturais implicados para procurar un “un equilibrio real, recoñecendo a singularidade dos espazos culturais como Artábria e ofrecendo medidas de apoio, e non de limitación”.
Asinan o manifesto Sés, Dakidarría, Os Diplomáticos de Monte Alto, Rebeliom de Inframundo, Loita Amada, Mondra, Orquestra Bravú Xangai, A Banda da Loba, Bouba, Zënzär, Hugo Guezeta, Nimbos, Bestas, Sacha na Horta, Pauliña, Brais das Hortas, Radio Océano, Pepe Cunha, Lidia India, Mentah, Bule, Familia Caamagno, Ruxe Ruxe, Samesugas, Blues do Pais, Ukestra do Medio, Xurxo Souto, Ataque Escampe, Aliboria, Rabelo, Brixta, Manolo Bacalhau, Óscar Fojo, Zavala, Encrucillada, Mediarea, Eugenia Sanmartín, Jamie Fifthring, Peter Petrowski, Xiao Berlai, Xoldaina, TanDub, As Pias, Peter Punk, MJ Pérez, Nuada, Pesdelán, Berros do Castro, Caldupeiras, Taranteira, Os Derradeiros, The Brosas, Sonoro Maxín, Barahúnda, Zurrumalla, Residuos Atractivas, Habelas Hainas, That Bass, Arón Ferreiro (Aroi), Trapallada, Less Fortunate Songs, Keltoi!, Manu Kaso Aparte, Puto Coro do exército froilanista, Os Bar Ban Sónicos, Paco Nogueiras, Exquisitos Ghipes de Merda, Marela, Latigazo Cervikal, Fram Zélop, Filophobicas, Satenta, Xosé Constenla, Maria da Pontragha, Marqués de Vilapodre DJ Set, Atvra, Pablo Díaz, Ghorxa, Sr.X, Os Bluesomes, TurboKraks, Schwarzenegger, Wisdom, Feed the Pet, Atómica DJ, True Believers, Tecor Societário, Kondusión Kolerica, Trio Motobomba, Sicixia, Asociación de Gaiteiros Galegos, Claudio H., Cristina Asenjo, Bico!, Nüca, Mano de Piedra, Mascada, Kharma, Roger de Flor, Agostinho DJ, Luizga (Brasil), Lívia Nestrovski (Brasil), Fred Ferreira (Brasil), Kátya Teixeira (Brasil) e Dalila (Brasil).