Arrinca en Ortigueira o 39º Festival Internacional do Mundo Celta

O grupo folk Gwendal. (Foto: Gwendal)
Pelepau, Gwendal e Xosé Liz estrearon o escenario.

Na pasada noite comezou a 39ª edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (Ortegal), que este ano se estende durante cinco días, até o vindeiro domingo, para celebrar o medio século de vida da Escola de Gaitas local.

Logo do acto de inauguración na praza de Isabel II, os concertos comezaron ás 22 horas no escenario Estrella Galicia con Pelepau, seguidos ás 23.30h por Gwendal, referente do folk celta franco-bretón, e fechando a xornada ás 1h con Xosé Liz e a súa unha mestura de sons tradicionais e contemporáneos galegos. A asistencia foi masiva e o ambiente, festivo.

Ademais dos concertos destaca a inauguración dunha novidosa zona familiar chamada 'Vila Celta', un espazo creado pola Escola de Gaitas de Ortigueira e destinado para o público máis novo. O lugar, situado entre as rúas da Soidade e da Constitución, contou con obradoiros, actividades infantís e animación continuada durante toda a xornada inicial.

Tamén esta cuarta feira tivo lugar o Concurso Runas, que escolleu as tres bandas finalistas que compartirán cartel esta sexta feira canda as e os artistas xa consagrados. E mantéñense os paseos das bandas polos emprazamentos do festival, adiantando o tradicional Festival na Rúa, que será máis amplo a partir desta quinta feira.

Nesta xornada están programados no escenario Estrella Galicia concertos de altura: ás 22h actúan os irlandeses Darach, seguidos ás 23.15h por Rae, Dalama & Carballido. Logo, ás 00.30h, tocará Xara, e fechará a noite Dallahan ás 1.45 h.

A organización reforzou en xeral a infraestrutura do festival con servizos adaptados, bus interno e medidas medioambientais para xestionar os milleiros de asistentes esperados. A edición de 2025 consolida o festival como unha cita de interese musical e cultural internacional, cunha programación que combina tradición, vangarda e, máis que nunca, contidos para todos os públicos.