Arrinca con novidades o primeiro Culturgal con Bragado como presidente

Culturgal

Os días 5, 6 e 7 de decembro desenvolverase unha nova edición do Culturgal en Pontevedra. O novo presidente, Manuel Bragado, aposta por ampliar o “perímetro” dunha feira que, por vez primeira cobrará entrada, con prezos reducidos, co público como partícipe da organización. 

Se na pasada edición se experimentara coa entrada voluntaria co fin de promover un Culturgal máis colaborativo, desta volta, con Manuel Bragado como novo presidente, a feira das industrias culturais aposta por cobrar entrada, iso si, a prezos reducidos. Serán dous euros para maiores e un para público infantil que dará lugar a gozar, dentro do recinto feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra, do maior escaparate das industrias e iniciativas culturais alén do máis novidade da creación ao vivo. Será, ademais, un Culturgal que quere, segundo o seu novo presidente, Manuel Bragado, “abrir novas vías en contidos, públicos e financiamento”, ampliando a contorna na sétima edición da súa andaina.  

En rolda de prensa, Manuel Bragado xunto co director da Feira, Xosé Aldea, que estrou na pasada edición o posto, explicou os eixos centrais nos que están a traballar alén de dar a coñecer a nov

a imaxe para este ano, da autoría do estudio Don Gráfica. Canda eles, participaron na presentación representantes das principais entidades patrocinadoras, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,  Xesús Vázquez e a concelleira de cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro. 

A aposta de Bragado -presidente da Asociación Galega de Editores- camiña cara o que definiu como “ampliar o perímetro”, tanto en contidos como áreas temáticas, públicos e financiamento e así, contan superar o número de 81 empresas e entidades da pasada edición. 

O director da feira, Xosé Aldea referiuse ao novo pago de entrada, cun prezo que definiu de “simbólico” mais que converterá ao público nun dos principais patrocinadores. 

O proceso de preparación do Culturgal segue o seu ritmo e neste momento están abertas as convocatorias de   reserva de stands e de envío de propostas para o programa nos seus distintos espazos e horarios.