Arrinca con novidades o primeiro Culturgal con Bragado como presidente

Os días 5, 6 e 7 de decembro desenvolverase unha nova edición do Culturgal en Pontevedra. O novo presidente, Manuel Bragado, aposta por ampliar o “perímetro” dunha feira que, por vez primeira cobrará entrada, con prezos reducidos, co público como partícipe da organización. 

Culturgal
photo_camera Culturgal

Se na pasada edición se experimentara coa entrada voluntaria co fin de promover un Culturgal máis colaborativo, desta volta, con Manuel Bragado como novo presidente, a feira das industrias culturais aposta por cobrar entrada, iso si, a prezos reducidos. Serán dous euros para maiores e un para público infantil que dará lugar a gozar, dentro do recinto feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra, do maior escaparate das industrias e iniciativas culturais alén do máis novidade da creación ao vivo. Será, ademais, un Culturgal que quere, segundo o seu novo presidente, Manuel Bragado, “abrir novas vías en contidos, públicos e financiamento”, ampliando a contorna na sétima edición da súa andaina.  

En rolda de prensa, Manuel Bragado xunto co director da Feira, Xosé Aldea, que estrou na pasada edición o posto, explicou os eixos centrais nos que están a traballar alén de dar a coñecer a nova imaxe para este ano, da autoría do estudio Don Gráfica. Canda eles, participaron na presentación representantes das principais entidades patrocinadoras, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,  Xesús Vázquez e a concelleira de cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro. 

A aposta de Bragado -presidente da Asociación Galega de Editores- camiña cara o que definiu como “ampliar o perímetro”, tanto en contidos como áreas temáticas, públicos e financiamento e así, contan superar o número de 81 empresas e entidades da pasada edición. 

O director da feira, Xosé Aldea referiuse ao novo pago de entrada, cun prezo que definiu de “simbólico” mais que converterá ao público nun dos principais patrocinadores. 

O proceso de preparación do Culturgal segue o seu ritmo e neste momento están abertas as convocatorias de   reserva de stands e de envío de propostas para o programa nos seus distintos espazos e horarios. 

Comentarios