EN VILAGARCÍA DO 12 AO 17 DE AGOSTO

Arrinca o Festiclown con Pallasos en Rebeldía, Leo Bassi e Pepe Viyuela

O Festiclown de Vilagarcía arrinca na quinta feira cunha visita de Pallasos en Rebeldía ao Hospital do Salnés na que Peter Punk e Pablo Muñoz despregarán as súas artes para aquelas persoas que non poden gozar do Festiclown nas rúas.
 

pallasos
photo_camera Pallasos en Rebeldía no campo de refuxiados de Eidomeni

O Festiclown arrinca este ano levándolles maxia e riso a quen máis o necesitan: as persoas que teñen que permanecer hospitalizadas e non poden gozar do Festiclown nas rúas. O pallaso máis gamberro do momento, Peter Punk, e o mago cómico Pablo Muñoz serán os encargados de encher de cor e diversión os asépticos cuartos de hospital.

O Festiclown Vilagarcía 2016 terá lugar entre o 12 e o 17 de agosto. O xa clásico festival de clown e teatro de rúa organizado por Culturactiva e o Concello de Vilagarcía co apoio de Obra Social La Caixa, ten o obxectivo, desde a súa primeira edición no ano 2000, de democratizar a cultura e achegarlla ao pobo.Tamén cómpre sinalar o seu carácter solidario: o Festiclown sempre mantivo unha política de apoio e colaboración permanente con colectivos marxinados ou desfavorecidos e con poboacións en conflito ou faltas de recursos: hospitais, asociacións de solidariedade, colectivos de persoas con discapacidades, grupos de inserción social, poboacións en campos de refuxiados, formaron parte dos nosos programas, recadacións e iniciativas.

Por iso, este ano ademais das habituais exposicións fotográficas, coma a que se fará sobre o traballo de Pallasos en Rebeldía en Idomeni, mesas redondas, charlas e demais iniciativas de sensibilización, a programación de Festiclown achegaouse a semana pasada a varias parroquias galegas nas que non é habitual ver actuacións deste tipo (Carril, O Sixto, Rubiáns, Bamio e Trabanca-Sardiñeira), e desprázase agora ao hospital do Salnés nunha visita de pallasos de hospital.

Tamén a recadación das entradas dos espectáculos de interior (todos no Salón García ás 21.30) será solidaria e destinarase a un fondo social de actividades, o Fondoclown Solidario, que será destinado a financiar un Proxecto Social, este ano relacionado co traballo que realiza Pallasos en Rebeldía coas persoas refuxiadas nas diferentes fronteiras europeas: Idomeni, Calais, Dunkerque, etc.

A Gala Solidaria, que terá lugar o sábado 13 reúne nomes coma Peter Punk, Pablo Muñoz, Mandarina, Isabel Risco e Pepe Viyuela, e estará conducida por Os Sete Magníficos Máis Un. Xa o domingo 14 será a quenda de Pepe Viyuela e a súa clásica Encerrona, onde o pallaso loita co seu propio ridículo, unha cadeira, unha esqueira e unha guitarra. Por último, o Día de San Roque Leo Bassi ofrece un espectáculo que reúne os seus mellores gags.

Comentarios