O Armadiña Rock multiplícase por tres

Terá lugar en Combarro do 26 ao 28 de agosto.

O Festival Armadiña Rock (Combarro) trae esta edición tres días de música, conferencias, teatro de rúa e mesmo sesións vermú. A organización presentou o cartaz que inclúe 14 actuacións musicais, tres actividades teatrais-circenses, unha exposición de fotografía, un coloquio sobre a situación da música galega, unha presentación dun proxecto documental sobre os refuxiados, unha mostra dos mellores curtametraxes da pasada edición do curtas armadiña, un concurso de balcóns e un festival para os mais cativos.

O festival apostou máis un ano pola música do país feita en galego para elixir o abano de artistas que actuarán durante a tripla xornada. Siniestro Total, Banda Basotti, Ses, Terbutalina, Nao, Banda Crebinsky, The Lákazans, Agoraphobia, Tractor Troy, Noite Fechada, Poetarras, Cora Sayers, Fanfarria Taquikardia e Pulpiño Viascón compoñen o elenco do Armadiña Rock inserido, máis un ano dentro da Festa do Mar de Poio organizada pola Concellería de Turismo de Poio. 

Aliás, tamén terá lugar nesas datas o Encontro de Embarcacións Tradicionais organizado pola Asociación A Reiboa.