O Armadiña Rock fai dez anos bailando

O festival, que terá lugar do 24 ao 26 de agosto, pon Combarro no mapa un ano máis cun programa baseado na música galega e nas actividades para crianzas

Edición 2017 Armadiña Rock Combarro
photo_camera Pasada edición do Armadiña Rock.

Esta fin de semana, Combarro ábrese ao mundo para acoller a décima edición do seu Festival Armadiña Rock. O evento, que nun principio naceu para apoiar a equipa de fútbol local, foi evolucionando até chegar a ser un referente no circuíto dos festivais estivais. Cun programa inzado de mulleres músicas, a festa entra na vila mariñeira e colle base na praza da Rualeira, na Escola do Campo, na praza da Chousa e no campo de fútbol da Reiboa, onde se habilitará a zona de acampada gratuíta.

Nesta edición, a entidade organizadora, a asociación cultural deportiva e medioambiental Armadiña, levará á parroquia poiense bandas estatais de referencia como La Pegatina ou Amparanoia. Porén, o prato forte do festival serán as referentes galegas. Sés, A Banda da Loba, The Lákazans, Terbutalina, Banda Xangai, Zënzar, Sonoro Maxín, Skándalo GZ, Noite Fechada, Dudecan e Voodoo actuarán nos escenarios habilitados nas prazas da Chousa e da Rualeira, epicentros da celebración. Para garantir a seguridade de todas as asistentes aos recitais, a asociación organizadora habilitou un “punto morado” na praza da Chousa no que haberá persoal especializado e no que se poderá solicitar información.

Paralelamente, a organización destaca o amplo abano de actividades familiares coas que conta a presente edición. Adultas e persoas máis miúdas poderán gozar cun concerto punkinfantil, espectáculos circenses e teatrais, alén dos pasarrúas a cargo de Fanfarria Farruxa, Balkan Paradise e Batucada Os Queimatasas. Durante todos os días do festival, a música Laura Romero tamén exporá o seu proxecto “Músicas galegas ilustradas” no espazo Armadiña.

Ademais, as miles de persoas que visitarán Combarro poderán pasear por un centro histórico engalanado para a ocasión. A asociación Armadiña convoca o III Concurso de Balcóns, Patíns e Solainas, cun primeiro e segundo premio de 150 e 80 euros respectivamente. As fachadas participantes serán ornamentadas con plantas autóctonas e motivos ligados á cultura mariñeira e agrícola da bisbarra.

O Concello de Poio, a Deputación de Pontevedra e Estrella Galicia son as entidades patrocinadoras do Armadiña Rock, que conta con atraer miles de persoas nesta festa que pula pola difusión da música galega, a integración da mocidade no circuíto músical e a interconexión de diferentes xeracións arredor da música. Con motivo da promoción da cita, os realizadores J. Aragunde e Juan Barcia crearon o vídeo Con sentidiño!, que contou coa colaboración da actriz Isabel Risco.

Comentarios