aRi[t]mar conmemora un ano máis a relación entre Galiza e Portugal

Diogo Piçarra, Elba Pedrosa, Mondra, Cátia Cardoso e Carla Sepúlveda. (Foto: Alba Tomé)
Braga, recoñecida como espazo común da lusofonía.

Esta quinta feira o Auditorio da Galiza, en Compostela, acolleu a décima Gala dos Premios da Música e da Poesía Galego-Portuguesa, aRi[t]mar. Este proxecto, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago, ten como obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais, e achegar a cultura e a lingua de ambas as beiras do Miño. O espectáculo estivo conducido pola xornalista galega Tati Moyano e o músico Xurxo Souto.

Os premios divídense en dúas categorías, a poética e a musical. No caso da Mellor Música na Galiza a canción Quererse ben, de Mondra, foi a escollida. O artista combina na súa música ritmos tradicionais galegos con estilos electrónicos. Nesta balada Mondra fala do xeito de expresar o amor e os afectos. Amor de Ferro, de Diogo Piçarra e Pedro Abrunhosa, foi a seleccionada como Mellor Canción Portuguesa, na que se mestura o pop moderno con texturas electrónicas e orgánicas, como as do piano. Na canción, os artistas portugueses mostran a dor dunha ruptura.

Na categoría de Mellor Poesía, a votación popular de aRi[t]mar decidiu que o poema Onde imos agora, de Elba Pedrosa, escritora galega nada en Santa Cruz de Tenerife, fose escollido como o mellor do ano 2024 na Galiza. No caso do portugués, o premio recaeu no poema Não sei voar mas tenho, da xornalista Cátia Cardoso.

Aliás, durante o transcurso da  gala entregouse o Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona 2025 ao Concello de Braga, en recoñecemento da súa destacada traxectoria de promoción do diálogo cultural entre Galiza e Portugal e polo fortalecemento dos vínculos dentro do espazo común da lusofonía.

Este galardón faise público en todas as edicións na véspera do simbólico 25 de abril portugués, e destaca cada ano a contribución de persoas, entidades ou institucións que traballan activamente por aproximar Galiza ao mundo lusófono, defendendo a cultura e a lingua como elementos de unión e identidade partillada.