Antonio Manuel Fraga obtén o Premio Pinto e Maragota

'Askja', a novela gañadora, sitúase en Islandia, nun contexto de confinamento provocado pola erupción do volcán que dá título á novela, e narra o romance entre dúas mulleres.
Sara Vila, de Xerais, Antonio Manuel Fraga, e Anabel Gulías. (Foto: Nós Diario)
Sara Vila, de Xerais, Antonio Manuel Fraga, e Anabel Gulías. (Foto: Nós Diario)

O escritor Antonio Manuel Fraga resultou gañador da cuarta edición do Premio Pinto e Maragota coa súa obra Askja, unha novela destinada ao público adulto que combina romance, mitoloxía e reflexións sobre a diversidade sexual e afectiva.

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, desvelou esta terza feira o fallo do xurado, e destacou a importancia dun premio literario que ten como obxectivo visibilizar e dignificar a diversidade sexual, "o que fai a Pontevedra máis diversa e que fai que sexa moito mellor, máis equitativa e igualitaria".

A continuación, a concelleira presentou o gañador da cuarta edición do certame, o primeiro varón en obter o galardón. Nas anteriores edicións, resultaron gañadoras as novelas Cobiza de María Reimóndez e Estranxeiras da realizadoraaudiovisual Carmen P.G. Granxeiro e, na máis recente convocatoria, o poemario Todo o que doe de Carmen Caramés Gorgal.

"Antonio Manuel Fraga non é un descoñecido en Pontevedra, aquí recolleu no ano 2018 o I Premio Literario María Victoria Moreno, pola súa obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa", lembrou Gulías.

Askja sitúase en Islandia, nun contexto de confinamento provocado pola erupción do volcán que dá título á novela, e narra o romance entre dúas mulleres, Ana e Karen, desenvolto nun escenario cheo de simbolismo, marcado pola mitoloxía islandesa e unha profunda reflexión sobre a sexualidade feminina.

O premio literario nace ao acubillo do programa municipal Pinto e Maragota, pioneiro na defensa da diversidade sexual tanto na Galiza como no conxunto do Estado español, foi impulsada polo xestor cultural Marcos López López a través de Capicúa360, a empresa que fundou xunto coa deseñadora gráfica Belén Freijeiro e a escritora Eva Mejuto. Está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra por Xerais.

Comentarios