Ana Fernández: "As desigualdades e os estereotipos están moi asentados a nivel folclórico"

A artista tamén forma parte do proxecto Somos Pandereteiras. (Foto: Alba Tomé)
Con 10 anos, Ana Fernández iníciase no folclore na Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón. Recentemente, formouse como musicoterapeuta e educadora en igualdade, promovendo a "folkterapia" en distintas asociacións de mulleres. Ademais, forma parte da iniciativa Somos Pandereteiras.

Por que decidiu formarse como musicoterapeuta?

Eu traballo en asociacións culturais desde hai moito tempo. Dentro da dinámica dos grupos folclóricos, preparaba coreografías para actuacións ou concertos e hai veces nas que se perde o desfrute e nas que se ve estrés. Non pode ser que se produza tal competitividade e tensión, pois o baile non é iso. Ademais, vexo que, a nivel folclórico, están moi asentadas as desigualdades e os estereotipos. 

Para min, a música e o baile é algo no que podes traballar de todo, é transversal. Entón, comecei a investigar un pouco sobre como levalo doutra maneira, buscar outras ferramentas. Empecei a traballar con asociacións de mulleres onde o resultado non ten esa importancia. Ao mellor hai días nos que non tocamos, simplemente falamos. Outros sacamos un tema, cantamos e logo acabamos bailando ou facemos xogo. O máis importante é que saen de alí moi contentas, din que é como unha terapia. Aí é cando penso que temos que ver como terapia algo que é natural... Reflexionamos moito sobre isto.

Coas nenas nos grupos folclóricos tamén baixei o ritmo, sempre apoiada polas directivas coas que traballo, e céntrome no colectivo. Que compartan e que creen xuntas. Fan as súas propias letras e bailes. Non todo ten que ser o que lles ensine eu, teñen que ser elas tamén, sentirse parte disto e non simplemente recibir e botalo enriba dun escenario. Que lles sexa un lugar seguro e de aprendizaxe no que se sintan cómodas. 

En que consiste a 'folkterapia'?

Foi un termo que inventei eu para pórlle un nome, para quitarlle peso á clase e que as alumnas non tivesen esa carga cando algo non saíse ben. Construín esa idea da "folkterapia", unha terapia arredor do noso folclore, da pandeireta, das nosas cancións e todo o relacionado con el. En realidade, non é nada novo, simplemente serve para quitarlle esa carga de “clases de pandeireta”, para que vexan que facemos outras cousas e que non é unha actividade estrita.

A música e o baile son unha terapia que tiñamos e que nos foi quitando esta forma de vida capitalista. Antes, a xente cantaba e bailaba cando tiñan ocasión, ben sexa traballando, camiñando... Era unha forma de levar mellor os e quefaceres e un xeito de expresar o que estaba pasando, sentimentos, emocións... Porén, todo iso foise perdendo. Pasou a facerse de maneira artificial, no sentido de que hoxe en día cantas porque vas á escola ou a un concerto. Non vexo xente na aldea que pasee e vaia cantando ou que se xunten nas eiras a facelo.

Dentro de Somos Pandereteiras, desenvolvéronse varios obradoiros en institutos. En que consistiron?  

Foi unha das cousas que decidimos pór en marcha, achegarnos á xente máis nova. Tivemos dúbidas sobre que idades abarcar, pero escollemos a ESO porque chegamos á conclusión de que, a partir de aí, é cando comezan a desconectar co folclore. Quizais senten máis vergonza ou reciben comentarios negativos sobre algo que forma parte da súa identidade, como “iso é cousa de vellos”. A idea era mostrarlles outra forma de velo a través dos obradoiros.

Cada unha das compañeiras preparaba o seu taller e, no meu caso, consistía en ver como se ían transmitindo as pezas ao longo de 100 anos, a súa transformación e os distintos xeitos de interpretalas noutra época anterior a como se fai na actualidade. O obxectivo era sacarlle esa idea de que é unha cousa de vellos, sobre todo tamén porque as rapazas encargadas dos obradoiros eran case da súa idade.

Quedáronse moi abraiados ao ver a música actual que lles presentamos. Non esperaban que algo que tocaban esas pandereteiras, se puidese ver doutro xeito, todo coa mesma música e a mesma palabra. Practicamente non coñecían música actual galega, había un descoñecemento xeral incríbel.