As pandeiretas reivindícanse en Carballo

A artista Mercedes Peón está detrás do proxecto social e cultural Somos Pandeireteiras, que quere reflexionar sobre o papel das artistas que tocan este instrumento e sobre a súa importancia na transmisión do patrimonio inmaterial da Galiza.
Presentación da iniciativa Somos Pandeireteiras. (Foto: Vanesa Rábade)
photo_camera Presentación da iniciativa Somos Pandeireteiras. (Foto: Vanesa Rábade)

A artista Mercedes Peón, acompañada das pandeireteiras da AC Rosalía de Castro (Padrón); Raigañas de Cerqueda (Malpica) e Xirifeiras (Fene), impulsa o proxecto social e cultural Somos Pandeireteiras que foi presentado en sociedade esta segunda feira.

A iniciativa é, dalgunha forma, unha homenaxe ás persoas que tocan a pandeireta na Galiza, posto que se quere enfocar a actividade "sobre as músicas e tocadoras como eixo de transmisión cultural". 

Como estrea do proxecto, Carballo acollerá o próximo 19 de decembro unha xornada pública que sexa o punto de encontro aberto entre tocadoras, compositoras e músicas para que todas poidan analizar as formas de vivir a música tradicional desde a "sororidade e a colectividade". 

A xornada, de inscrición gratuíta a través da páxina web www.somospandeireteiras.gal, contará cunha serie de conversas e mesas de traballo para reflexionar arredor da situación das tocadoras e comezar a construír, entre todas as asistentes, unha rede que vincule e articule as relacións das artistas da Coruña.

Impulsar este patrimonio inmaterial da Galiza

O grupo promotor, con Peón á fronte, traballa en común desde o verán de 2021 "coa firme convicción de crear o seu propio relato como tocadoras".

A iniciativa é unha homenaxe ás persoas que tocan a pandeireta na Galiza

Máis aló da gran cita do mes próximo, quere ser unha ferramenta para honrar esas músicas e tamén darlle un novo impulso a ese tipo de patrimonio inmaterial do país.

Para esas metas, a agrupación dispón do apoio da Deputación da Coruña, "que considera a iniciativa un proxecto singular de especial interese"; e coa colaboración do Concello de Carballo, onde se presentou esta segunda feira a iniciativa e onde decorrerá a cita.

Comentarios