Unha ampla programación recordará Carvalho Calero polo Día das Letras

O Día das Letras Galegas 2020, que a Real Academia Galega (RAG) dedica neste 2020 a Ricardo Carvalho Calero, celebrarase en toda Galiza cunha "morea de actividades" que está previsto que se prolonguen durante todo o ano.

11,00 h.-        O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, presentarán a programación das Letras Galegas 2020, dedicadas a Ricardo Carvalho Calero. Tamén participarán as fillas do homenaxeado e representantes das diferentes institucións implicadas. No Museo Centro Gaiás (Monte Gaiás s/n).
foto xoán crespo
17/02/2020
photo_camera O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, presentaron a programación das Letras Galegas 2020, dedicadas a Ricardo Carvalho Calero. Tamén participarán as fillas do homenaxeado e representantes das diferentes institucións implicadas. (Xoán Crespo-Xunta)

O Día das Letras Galegas 2020, que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica neste 2020 a Ricardo Carvalho Calero, celebrarase en toda Galiza cunha "morea de actividades" que está previsto que se prolonguen durante todo o ano. 

Así o anunciou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, durante o acto de presentación da programación prevista por diferentes institucións e entidades que tivo lugar durante a xornada de onte.

Exposicións, concursos e edicións especiais, entre moitas outras cousas, levaranse a cabo para recordar o legado do homenaxeado, "unha das grandes figuras do galeguismo e da cultura galega do século XX", segundo salientou Freixanes.

A programación das Letras Galegas de Carvalho Calero inclúe, entre outras propostas, a mostra Imaxe de cen anos, que xa pode verse no Centro Cultural Torrente Ballester do Concello de Ferrol, así como a exposición Don Ricardo de Fingoi, que está a percorrer distintas localidades galegas, tras presentarse no colexio lugués que o autor dirixiu durante máis de 15 anos. 

Pola súa banda, o Concello de Santiago de Compostela organizará outra mostra con imaxes inéditas de Carvalho Calero, na que foi outra das cidades fundamentais na súa vida.

Ademais, a Xunta da Galiza, en colaboración coa Associaçom Galega da Língua (AGAL), levará a exposición A voz presente a once localidades entre marzo e decembro, entre elas o concello portugués de Viana do Castelo.

Da divulgación na Rede ao debate académico

A Real Academia Galega abriu o pasado mes de xaneiro na súa web, academia.gal, o espazo biográfico dedicado a Ricardo Carvalho Calero, asinado polo académico e secretario da institución Henrique Monteagudo, unha sección "que se completará con novas, reportaxes, entrevistas e artigos que se publicarán ao longo dos vindeiros meses.", informa a institución.

Tamén na Rede, e concretamente a semana pasada, botou a andar a nova edición do proxecto Primavera das Letras (primaveradasletras.gal), co que a Real Academia Galega "fornece as nenas de recursos lúdicos e didácticos para achegarse á figura e á obra do autor".

A web, que se irá enriquecendo con novos contidos até o mes de maio, foi presentada o 11 febreiro da man da comunidade educativa do CEIP Cruceiro de Canido, en Ferrol. 

O Portal das Palabras, a web de difusión do léxico galego da Academia e a Fundación Barrié, tamén celebrará as Letras Galegas de Carvalho Calero con distintos contidos divulgativos, aínda por determinar.

A casa de Carvalho Calero

A Academia Galega volverá á cidade natal do autor o vindeiro 17 de maio para celebrar o seu pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, nunha sesión aberta a todo o público e que terá lugar no teatro Jofre.

A celebración do Ano Carvalho Calero continuará á volta do verán cun simposio que afondará, desde a perspectiva académica, en distintos aspectos da súa obra e do tempo histórico que o intelectual viviu.

Durante o acto de presentación desta programación, o presidente da Real Academia Galega estivo acompañado, entre outras, polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez;  as fillas do homenaxeado e representantes das diversas entidades colaboradoras nos actos. 

Comentarios